A nova Ruta de Vilas Termais recupera o antigo esplendor dos balnearios de Rías Baixas

Turismo Rías Baixas presenta a nova Ruta de Vilas Termais, que propón un percorrido por sete municipios da provincia con tradición histórica de balnearios
Publicado por o día 13/02/2018 na sección de Turismo

A nova Ruta de Vilas Termais recupera o antigo esplendor dos balnearios de Rías Baixas

A provincia de Pontevedra é rica en augas minerais e termais e iso quedou reflectido no patrimonio dos seus municipios e nunha arraigada tradición de termalismo. A Deputación de Pontevedra decidiu por poñer en valor este patrimonio co lanzamento da Ruta das Vilas Termais, unha proposta turística que nos leva a percorrer sete localidades das Rías Baixas  recoñecidas polas propiedades medicinais das súas augas.

Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Mondariz-Balneario, O Grove, Ponte Caldelas e Vila de Cruces forman parte da ruta, que estará identificada no terreo con paneis tecnolóxicos dotados de códigos QR. Os códigos QR permitirán ás e aos visitantes acceder a través dos seus teléfonos móbiles á información sobre a historia do termalismo en cada unha das vilas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto co deputado de Turismo, Santos Héctor, e os representantes municipais dos sete municipios implicados presentaron no palacio provincial, en Pontevedra, a nova ruta, que se enmarca na campaña turística #SomosHistorias.

“Cada un dos municipios da provincia catalogados como vilas termais ten centos de historias que contar en torno ao termalismo”, sinalou Carmela Silva. Como exemplo, a presidenta referiuse ao descubrimento das augas medicinais na Illa da Toxa, cuxa historia foi explicada polo propio alcalde do Grove, José Cacabelos, durante a presentación.

Conta a historia que fai máis dun século, un veciño do Grove abandonou o seu vello burricán, enfermo e moribundo, nun monte da Illa da Toxa. O propietario foi a velo semanas máis tarde e achou ao burro totalmente recuperado. E comprobou que o animal bebía dunhas augas que emanaban do chan. A partir de entón, iniciaríase un gran proxecto de explotación turística que poñería á Illa da Toxa e ao Grove no mapa mundial.

“A historia do burro ten unha enorme capacidade de atraer e é esa atención a que queremos suscitar coa Ruta das Vilas Termais”, explicou Carmela Silva. “As e os visitantes queren que lles falemos de cultura, de nós, do que nos diferencia e fainos auténticos”

O termalismo, recurso estratéxico

A provincia de Pontevedra conta co maior número de prazas de aloxamento termal de España. De preto das 3.000 prazas de termalismo de Galicia, a metade están en Pontevedra. “Temos un potencial extraordinario”, asegurou Carmela Silva, “e con esta base e en colaboración cos concellos, decidimos completar a oferta, para que o destino termal aínda se sitúe máis como un eixo estratéxico do turismo na provincia”.

Ao peche do ano 2016, o turismo de saúde crecera na provincia un 20 %, tanto en volume de negocio como en número de usuarias e usuarios. Con estes datos, a Deputación de Pontevedra decidiu impulsar este sector, primeiro coa integración na sección de “Vilas Termais” da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP); e en segundo lugar, cunha intensa promoción do termalismo.

Ademais, o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 da Deputación contempla como produto estratéxico o termalismo e que cumpre os tres parámetros que se queren desenvolver co plan: desestacionalización, excelencia e sustentabilidade.