Novo período de compra das parcelas do polígono de Barro

O prazo de presentación de ofertas para as 33 parcelas dispoñibles estará aberto ata o vindeiro 9 de xuño
Publicado por o día 18/05/2018 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra

Novo período de compra das parcelas do polígono de Barro

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar un novo prazo de venda ou constitución de dereitos de superficie das 33 parcelas do polígono de Barro que aínda non están ocupadas. Deste xeito, despois de ser aprobado no Pleno provincial do mes de abril e trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a institución provincial inicia un período dun mes para que as empresas poidan presentar as súas solicitudes na modalidade de concurso público, unha vez rematado o anterior proceso de alleamento das parcelas dunha duración dun ano, ao prezo de 99 € por metro cadrado.

Deste xeito, a institución provincial permite facer fronte á demanda existente de solo industrial para a implantación das empresas que comezaron a xurdir neste ano ou que, ante as melloras competitivas impulsadas pola Deputación de Pontevedra (entre elas, unha considerable rebaixa dos prezos de venda), teñen interese en establecerse nesta infraestrutura estratéxica.

As 33 parcelas que a Deputación de Pontevedra saca a licitación poden ser adquiridas en propiedade ou coa nova fórmula de constitución dun dereito de superficie, cun mínimo de cinco anos e un máximo de ocupación de 25 anos e con opción final de compra da mesma parcela. As empresas interesadas en adquirir ou optar á cesión dos espazos deberán presentar neste período as súas ofertas, ata o 9 de xuño. No caso de que varias empresas soliciten a mesma parcela, gañará a mellor oferta. Pasado este período dun mes, no suposto de que non se cedan todas as parcelas, as empresas terán un novo prazo dun ano (posterior á aprobación das adxudicacións no Pleno provincial), no cal a Deputación de Pontevedra poderá allear directamente as restantes a través do sistema de venda ou cesión directa.

A Deputación de Pontevedra dispón na actualidade dun total de 33 parcelas que suman preto de 110.000 metros cadrados e que se suman ás 43 parcelas xa ocupadas, que supoñen outros máis de 153.00 m2. Ademais, no polígono de Barro atópanse tamén o viveiro de empresas da Deputación de Pontevedra, que ocupa unha parcela de 2.500 metros cadrados (cunha ocupación total no caso das naves e moi avanzada no caso das oficinas) e, a maiores, o centro de apoio empresarial cunha parcela da mesma extensión que a anterior.

O polígono de Barro ten un ámbito de preto de medio millón de metros cadrados, xunto á autoestrada AP-9, dos que aproximadamente están dedicados á actividade empresarial 261.000 metros. O resto destínanse a viarios, zonas de aparcamento, zonas verdes, equipamentos públicos e tamén reservas para infraestruturas.