O clima primitivo de Marte supuxo desde sempre un quebracabezas de difícil solución para os científicos planetarios. Mentres que os modelos atmosféricos -baseados nas condicións de Marte no pasado- xeralmente suxiren un clima frío, onde a auga estaría en forma de xeo, as características xeomorfolóxicas do planeta vermello indican que houbo abundante auga líquida. Ademais, os minerais de arxila atopados nas rochas superficiais máis antigas indican temperaturas mesmo máis cálidas, xa que as arxilas necesitan, ademais de auga líquida, unha certa temperatura para poder formar a súa estrutura cristalina.
Esta aparente contradición foi abordada nun estudo internacional impulsado por Janice Bishop do Instituto SETI (Search for Extraterrestrial Intelligence) e o centro Ames da NASA en Silicon Valley. Os resultados acaban de publicarse na revista Nature Astronomy e nel participan autoras e autores de varias institucións americanas e europeas, entre eles investigadores da Universidade de Vigo e, máis concretamente, do grupo XMI de Sedimentoloxía e Bioxeoquímica, un equipo que leva anos traballando en xeoquímica planetaria no contexto da evolución de posibles océanos en Marte.
Combinación de datos tomados polos ‘rovers’ con experimentos de laboratorio
A solución ao problema do clima marciano require, segundo explican os autores do artigo, coñecer como de “cálido” é cálido, cando menos desde o punto de vista das arxilas marcianas. “Sabemos que unha vez o planeta debeu estar o suficientemente quente como para que a auga líquida esculpira a superficie”, subliñan os investigadores. Con todo, a auga fría, aínda que líquida, non é o suficientemente cálida para que se formen as arxilas superficiais, “por iso démonos conta de que para poder entender mellor o clima do Marte primitivo, necesitabamos entender as condicións de formación das arxilas marcianas” sinala Janice Bishop, que liderou o estudo. Para a súa realización, os autores combinaron os datos tomados polos ‘rovers’ –vehículos de exploración espacial- actualmente en Marte con experimentos de sínteses no laboratorio e modelos xeoquímicos acerca das condicións de formación de minerais de arxila.
Os modelos xeoquímicos amosan como algunhas das arxilas superficiais observadas en Marte – denominadas esmectitas- retardan rapidamente a súa formación ao descender a temperatura. Por baixo duns 15 º C, empeza a ser favorecida a formación de silicatos desordenados coñecidos como alofana e imogolita tamén presentes en Marte, puntualiza o profesor Luis Gago- Duport, co-autor do estudo. Serían necesarios centos de millóns de anos, a unha temperatura media global media de 5° C en Marte, para producir os afloramentos de esmectitas observados, o cal é improbable dados os modelos actuais da atmosfera marciana.
En consecuencia, os autores suxiren que os períodos cálidos e húmidos ocorreron só de forma esporádica nun Marte primitivo xeralmente frío e onde os depósitos de arxila puidéronse formar rapidamente. Estes períodos cálidos de curta duración –en termos xeolóxicos- poderían significar decenas de miles ou mesmo millóns de anos a unha temperatura media de 10-15 ° C en Marte. Estas temperaturas relativamente “benignas” polo menos parar a formación de arxilas puideron ser causadas, entre outros factores, por episodios de vulcanismo, cambios de oblicuidade ou grandes impactos.
Colaboracións internacionais do grupo XM1
Os traballos sobre xeoquímica planetaria do grupo de XM1 de Sedimentoloxía e Bioxeoquímica da Universidade de Vigo deron lugar a unha abundante colaboración con diversas institucións tanto americanas como europeas como a NASA ou o CAB, un organismo de referencia mundial dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa. Estas colaboracións deron lugar á publicación nos últimos anos de varios artigos en revistas como Nature, Nature Geosciencie, Nature Astronomy o Scientific Reports, e tamén á realización de varias de teses de doutoramento conxuntas, caso da defendida en 2017 pola investigadora Carolina Gil, actualmente no Centro de Astrobioloxía, codirixida con Alfonso Dávila, egresado tamén da Universidade de Vigo e hoxe investigador na NASA e tamén a de Elisabeth Losa-Adams, que se desenvolve na actualidade, sobre arxilas en Marte e que codirixe A. Fairén do CAB, outro dos autores que asina o artigo publicado agora por Nature Astronomy.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.