O 96 % do Plan estratéxico de turismo da provincia de Pontevedra está en execución e o 4 % restante planificado para o 2020

A deputada de Turismo destaca a importancia da Mesa do Turismo e do Camiño como “exemplos de traballo conxunto público-privado encamiñadas a escoitar propostas que nos permitan dar pasos cara adiante na mellora continua”
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O 96 % do Plan estratéxico de turismo da provincia de Pontevedra está en execución e o 4 % restante planificado para o 2020

A Deputación de Pontevedra acolleu a realización das Mesas do Turismo e do Camiño na que se deron cita os axentes públicos e privados relacionados tanto co sector turístico como coas rutas que transcorren pola provincia cara Santiago de Compostela. Neste eido, participaron deputadas e deputados provinciais, representantes da Xunta de Galicia, alcaldes e alcaldesas e persoas relacionadas co sector privado e fundacións e asociacións da provincia de Pontevedra

A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, enxalzou a importancia de ambas mesas como “exemplos de traballo conxunto público-privado encamiñadas a escoitar propostas que nos permitan ir acadando obxectivos e dar pasos cara adiante na mellora continua”. Deste xeito, nas dúas mesas todas as persoas participantes tiveron a oportunidade de formular propostas de traballo e liñas de colaboración conxuntas para mellorar tanto cuestións relacionadas co sector turístico como coas rutas que transcorren pola provincia cara Santiago de Compostela.

Mesa do Turismo

No caso da Mesa do Turismo realizouse un seguimento do Plan estratéxico de turismo, repasándose as súas principais liñas que están en execución o 96 %, e planificadas para o 2020 o 4 % restante. Así, está ao 100 % a liña de xestión e gobernanza, que comprende a necesaria coordinación, eficiencia e optimización, ten todas as accións en execución. No caso da liña de estruturación da oferta á demanda coa creación de produtos específicos, están todas as accións executadas salvo o produto relacionado coa natureza que será o protagonista da promoción do 2020.

Ao respecto, a deputada de Turismo destacou que no 2020 a natureza vai ser a protagonista das accións promocionais da Deputación de Pontevedra, abordando cuestións como o ecoturismo (observación de aves, xardíns de camelias e observación astronómica), o turismo activo, o turismo de aventura, o turismo rural, o turismo náutico e mariñeiro ou o termalismo. Para elo, tal e como avanzou Iglesias, prepáranse varios audiovisuais, ademais dun spot promocional que se dará a coñecer en FITUR, que terá lugar entre o 22 e o 26 de xaneiro. Ademais, combinarase este eixe temático coa promoción do camiño multiexperiencial con singularidades importantes na provincia de Pontevedra como é a camelia, o enoturismo e o termalismo.

En canto á liña de excelencia no destino, máis da metade das actuacións están executándose segundo o previsto. A metade restante están contempladas no marco do proxecto Tourist Inside. Neste eido a deputada provincial informou que neste 2019 vanse presentar á renovación do distintivo SICTED 301 empresas e amosou o seu desexo de “continuar a ser, ao igual que fomos no 2018, o destino con máis empresas distinguidas”. Nesta mesma liña, Ana Laura Iglesias enxalzou que a Ruta do Viño teña conseguido cumprir os requisitos para poder optar á Q de calidade.

No que respecta á promoción on line e off line, están tamén en marcha todas as accións. Así, neste eido, a deputada puxo en valor a renovación da web de Turismo Rías Baixas, a intensificación da presenza do organismo en Instagram, e as campañas de promoción. Ademais, adiantou que o vindeiro ano realizarase, a petición do Clúster de Turismo, unha acción de familiarización de axencias de viaxes e organizadores de eventos turísticos pola provincia.

Finalmente, en canto ao apoio e comercialización do destino provincia de Pontevedra está tamén en marcha a creación de experiencias, planificada no marco do proxecto Tourist Inside. Ademais, a deputada informou que neste eixe o vindeiro ano desenvolverase en Vigo a bolsa de contratación Travel Book Experiencia.

Mesa do Camiño

No que respecta á Mesa do Camiño, a deputada de Turismo amosou o compromiso da Deputación de impulsar a mellora integral das vías provinciais polas que pasa o Camiño, tanto na erradicación de puntos negros, como na creación de sendas peonís e na humanización dos espazos. Así, Ana Laura Iglesias fixo referencia a actuacións moi avanzadas ou xa realizadas nas vías provinciais como a mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria na EP-2203 Baredo-Loureza en Baiona, a recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 entre Curro e San Amaro ao seu paso pola praza de San Amaro en Barro ou a instalación e lombos e sinalización en Vilaboa.

A deputada provincial adiantou que ademais está previsto a recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na EP-8005 (rúa do Parque) en Caldas de Reis, a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-8501 Valga-Martores e a mellora da seguridade viaria na EP-3201 no acceso ao embarcadoiro de Oia. E, nesta mesma liña, Ana Laura Iglesias tamén recordou que o vindeiro 15 de novembro remata o prazo para que os concellos remitan as solicitudes para beneficiarse do Plan Móvese, centrado na seguridade e mobilidade peonil. Ao respecto a deputada pediu ao conselleiro que a Xunta impulse un plan similar ao realizado pola Deputación de Pontevedra, coa finalidade de mellorar os puntos negros, a sinalización e manter en bo estado as vías autonómicas.

Ademais destas actuacións, a deputada tamén fixo mención á aprobación de axudas, por parte do Goberno provincial, para a rehabilitación do patrimonio beneficiando a Silleda, Lalín, Caldas de Reis, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Barro, Pontecesures, O Porriño, Portas, Soutomaior, Valga e Tui. Concretamente detívose en Caldas de Reis xa que o proxecto de “Rehabilitación das fontes do Camiño”, financiado con esta liña de axudas, “acaba de recibir o Premio Gran de Area do Colexio de Arquitectos”.

Tamén desde turismo se concederon axudas relacionadas cos camiños cara Santiago de Compostela. Neste eido, Ana Laura Iglesias recordou que beneficiáronse das subvencións para actividades turísticas entidades para a Travesía Náutica Xacobea-Ruta SUR, a exposición itinerante “Camiños: o camiño en tempo de camelias” e o programa “Deza, dous camiños, un destino”.

Igualmente, a deputada provincial deu conta de iniciativas desenvolvidas como Camiño (A)dentro, cofinanciado pola Consellería de Cultura dentro do programa “Teu Xacobeo”, e as actividades de colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño para levar aos centros escolares os espazos naturais e as árbores senlleiras do Camiño Portugués.

Finalmente Ana Laura Iglesias amosou a súa satisfacción polo crecemento no número de persoas que realizan o camiño pola provincia de Pontevedra e destacou o fenómeno de novas rutas que se están xerando. Neste eido a deputada mencionou ao Camiño da Geira e dos Arrieiros “que pasa por Forcarei e A Estrada, que en só 9 meses xa provocou a atracción de máis de 700 persoas peregrinas e que xa entregou á Consellería o informe preliminar para tramitar o seu recoñecemento, polo que pido celeridade á Xunta para o seu recoñecemento”.