O AECT Río Miño presenta as súas prioridades á comisión de desenvolvemento rexional do norte de Portugal

A entidade aposta pola creación dunha ITI (Intervención Territorial Integrada) para a xestión dos fondos europeos do período 2021-2027
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra,Portugal

AECT Río Miño reuniuse esta semana co presidente e vicepresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDRN), Antonio Cunha e Beraldino Pinto, para tratar a Estratexia do Rio Minho Transfronteirizo 2030 e a necesidade da creación dunha Intervención Territorial Integrada (ITI), un mecanismo da Unión Europea para a xestión dos fondos transfronteirizos. No encontro participou o director da entidade, Fernando Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Durante a reunión, Nogueira salientou o activo e fundamental papel do AECT na xestión dos fondos europeos e presentou a dinámica de traballo desenvolvido pola entidade transfronteiriza desde a súa constitución en 2018, a nivel de accións, actividades e proxectos, así como o forte impacto que estas tiveron entre a poboación dos concellos do Miño e o recoñecemento que as mesmas están a ter por parte das persoas integrantes do Goberno de ambos países.

Na xuntanza abordouse a Estratexia do Río Miño transfronteirizo 2030, resaltando a súa importancia para a planificación da futura cooperación transfronteiriza entre o sur da provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal. Un documento que se presenta como un verdadeiro estudo do territorio, no que se recoñecen as debilidades e potencialidade do mesmo, permitindo deseñar conxuntamente un plan de acción cara o futuro.

A posibilidade de que os territorios tranfronteirizos apliquen a figura da ITI (Intervención Territorial Integrada) para o período 2021-2027 foi outro dos asuntos abordados, co obxectivo de aprobar un programa de accións de cara o próximo período de fondos comunitarios en colaboración coas Eurocidades do Río Miño-Eurocidade Cerveira-Tomiño, Valença-Tui e Monção-Salvaterra. Como exemplo presentouse o proxecto do Parque da Amizade Cerveira-Tomiño, inserido na Rede de Recursos Verdes Transfronteirizos do Rio Minho.

O AECT Río Miño foi creada en 2018, comprende un total de 26 municipios portugueses e galegos –xunto coa Deputación de Pontevedra– e ten, entre os seus obxectivos primordiais, a defensa e resolución de problemas relacionados coa mobilidade transfronteiriza para o desenvolvemento conxunto do territorio.