O alumnado de doutoramento, clave para o futuro da investigación universitaria

A vicerreitora Belén Rubio animounos a divulgar o coñecemento xerado
Publicado por o día 22/03/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O alumnado de doutoramento, clave para o futuro da investigación universitaria

A Universidade de Vigo conta, neste curso 2018-2019, con 1348 alumnas e alumnos matriculados en estudos de doutoramento, 218 dos cales están en programas do campus de Ourense, 219 en programas do campus de Pontevedra e 911 nos de Vigo. Para todos eles, a institución organizou este venres un acto de benvida, que tivo lugar no campus de Vigo e se puido seguir por videoconferencia dende Ourense e Pontevedra. Tratábase de presentarlles a estrutura de I+D+i da Universidade pero tamén as diferentes etapas na carreira profesional que agora comezan como persoal investigador e os recursos que teñen á súa disposición.

A encargada de abrir esta xornada foi a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que lles presentou o panorama da innovación e a ciencia na Universidade de Vigo, acompañada polo director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio García Pino; a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini e o secretario da Comisión de Doutoramento, Marcos Arias. Rubio salientou o destacado papel que teñen estas novas xeracións de investigadores e investigadoras que comezan a etapa de doutoramento. “Sodes o futuro desta Universidade, a punta de lanza da institución, o que vós fagades no transcurso da vosa traxectoria investigadora vai ser o futuro da Universidade de Vigo”.

Un ecosistema de investigación

Belén Rubio quixo, na súa intervención, debuxar un esbozo do ecosistema de I+D+i co que conta a Universidade de Vigo, ofrecer unha visión de conxunto de como se estrutura o tecido investigador nos campus,  “con 1700 persoas investigando, agrupadas en 185 grupos de investigación, con máis de 24 millóns de euros de recursos captados, máis de 200 patentes activas e arredor de 30 novas EBTs”. A vicerreitora tamén lles explicou que a Universidade de Vigo conta con tres centros singulares (atlanTTic, Cinbio e o CIM) e tres agrupacións estratéxicas (Citaca, Ecobas e INEX) que desenvolven actividades en varios centros de apoio (Cacti, o CITI e o MTI).

Lembrou tamén ás e aos futuros investigadores que a “excelencia da Universidade que elixistes para facer o voso doutoramento” está recoñecida en varios ránkings internacionais, como o Best Global Universities, elaborado pola revista US News & World Report, que analiza 1250 centros de todo o mundo e no que Vigo aparece como unha das 25 mellores universidades de España. “Tamén é un bo sinal estar entre as 400 mellores do mundo no eido en Ciencias da Educación, entre as 500 primeiras en Ciencias da Vida, Enxeñaría e Tecnoloxía, Ciencias da Computación e en Arte e Humanidades”, lembraba. Rubio tamén destacou que España é o 5º país europeo en produción científica “e parte deste mérito é da xente nova coma vós que comeza producindo artigos para publicar”. Neste sentido animou aos presentes a divulgar a investigación e a publicar en revistas científicas, “aspirando sempre ás mellores, ás do primeiro cuartil” e salientou, para rematar, a importancia da mobilidade nesta etapa e animou aos asistentes a participar en convocatorias que lles permitan coñecer a ciencia que se fai fora.

A carreira investigadora e o selo HR

No referido á carreira profesional, a vicerreitora lembrou que este mes se publicou o Estatuto do persoal investigador en formación, que avanza no camiño de considerar aos estudantes de doutoramento “persoal que forma parte das institucións, porque sodes un piar básico dentro da Universidade”. En relación con isto, a vicerreitora lembrou que a Universidade de Vigo conta co selo HR, Human Resources Excellence Strategy for Researchers co que a Comisión Europea recoñece publicamente ás institucións que progresan na adecuación das súas políticas de recursos humanos aos principios definidos na Carta Europea do Investigador e do Código de Conduta para a contratación deste persoal. Para potencialo, os día 7 e 8 de maio celebrarase un curso que axudará “a coñecer como funciona a carreira investigadora, que aspectos son importantes, dende a ética na investigación ata a promoción profesional”.

A xornada continuou coa intervención de Eva Garea, técnica superior de Relacións Internacionais, que se centrou na mobilidade internacional, para despois dar paso a outros aspectos, como as diferentes etapas académicas nos estudos de doutoramento, a xestión administrativa, os prazos e ferramentas, a calidade ou os servizos que oferta a Biblioteca Universitaria para esta etapa da formación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.