O alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia recibe o recoñecemento polo seu traballo na Feira de Turismo Fitur

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na entrega de diplomas aos quince estudantes que formaron parte da actividade
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Galicia,Educación,Turismo

O alumnado do Centro Superior de Hostelería de Galicia recibe o recoñecemento polo seu traballo na Feira de Turismo Fitur

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, mantivo hoxe un encontro cos alumnos do Centro que realizaron prácticas no restaurante instalado no expositor de Galicia no transcurso da Feira Internacional de Turismo Fitur de Madrid, que foi visitado por máis de 76.000 persoas.

Os alumnos de Diploma Superior en Xestión Hoteleira e de Diploma Superior en Gastronomía e Xestión de Cociña recibiron o seu recoñecemento aos días de prácticas que levaron a cabo na feira, como parte das accións organizadas polo Centro durante o curso académico para o seu alumnado. Contouse coa participación de 15 alumnos que estiveron acompañados de catro profesores e que aprenderon, entre outras accións, a xestionar o servizo en barra e mesa do restaurante.

Restaurantes pop-up

A actividade práctica do Centro continúa tamén estes días cos restaurantes ‘pop-up’, onde os alumnos de 2º de Diploma de Gastronomía desenvolven a súa idea de negocio e o seu traballo en equipo no propio restaurante do CSHG. O primeiro deles en colaboración con BIOCOOP, con pratos elaborados con tenreira galega. Tamén se están a preparar as xornadas de portas abertas, que terán lugar o vindeiro 23 de marzo cun programa especial e para a que os interesados se poden inscribir no enderezo info@cshg.es.