O alumnado do IES de Barro presenta este xoves o novo mural do programa “DepoRúARTE”

Os e as estudantes de Plástica de cuarto da ESO escolleron como temas centrais do seu proxecto o feminismo, a igualdade e rexeitamento á violencia machista
Publicado por o día 08/11/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O alumnado do IES de Barro presenta este xoves o novo mural do programa “DepoRúARTE”

A deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá mañá xoves 8 de novembro ás 11:30 horas ao IES de Barro onde o alumnado participante presentará un novo mural elaborado no marco do proxecto “DepoRúARTE. Pintando alternativas” da Deputación de Pontevedra. Os temas elixidos polas e polos estudantes para o mural, realizado coa colaboración da artista Noemí Núñez, foi o feminismo, a igualdade e o rexeitamento á violencia machista.

Nesta iniciativa participaron un total de 14 alumnas e alumnos de Plástica do cuarto curso da ESO. Para a elección dos temas centrais do mural, as e os participantes tiveron unha xornada formativa na que elixiron o feminismo, a igualdade de xénero e o rexeitamento á violencia machista como inquedanzas a plasmar na obra. Todo isto, en colaboración coa artista Noemí Núñez, refléxase na imaxe dun puma a dúas cores coa intención de mostrar a non continuidade dos roles de xénero tradicionais e incluíndo a frase: “Todos somos iguais, loita polo que es”. Ademais, á presentación deste mural asistirán o corpo docente e o resto do alumnado do centro.

 Este proxecto, que forma parte do programa “DepoRúARTE“, arrancou a súa terceira edición en maio pasado e xa pasou polo IES Barral de Ponteareas, polo IES María Soliño de Cangas, polo IES de Meaño e polo IES Chano Piñeiro de Forcarei. Está destinado á mocidade e o obxectivo deste ano é educar na arte urbana á xente máis nova, para que poida diferenciar entre o que é a arte, que está a deixar unha pegada significativa en cidades como Lisboa, Brístol, Lyon ou Nova  York, e o que é o vandalismo urbano.

Máis polo miúdo, e xunto ao IES de Barro, o IES de Meaño, o IES Barral, o IES Mariña Soliño e o IES Chano Piñeiro, participan en “DepoRúARTE 2018” os IES Pazo da Mercé (As Neves), CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), IES Auga da Laxe (Gondomar), IES Laxeiro (Lalín) e o IES Ribeira do Louro (O Porriño).

En cada un dos centros mencionados levaranse a cabo varias sesións formativas de debate e reflexión, coordinadas polo equipo de traballo en colaboración coas persoas traballadoras dos centros, co obxectivo de ofrecer ao alumnado participante unha formación básica que dote de recursos para identificar e analizar problemáticas sociais co fin de afondar no papel da arte urbana como ferramenta de cambio.

Posteriormente realízase unha xornada de preparación da superficie a intervir no centro escolar (por parte do equipo de traballo), unha xornada de intervención colaborativa na que as alumnas e os alumnos pintan a superficie escollida xunto ao equipo de traballo, e finalmente, o equipo de traballo emprega as xornadas que resulten necesarias para que o mural quede debidamente rematado.