O BNG de Vigo solicita ao alcalde un encontro con todas as forzas políticas para activar a resposta do Concello ás consecuencias sociais e económicas da crise da Covid-19

Xabier P. Igrexas: “Cando se cumpre un mes de que o BNG propuxemos no Pleno un Plan de Protección Social e unha Estratexia de Promoción Económica e do Emprego, a resposta por parte do Goberno municipal foi até o momento o silencio”,
Publicado por o día 15/05/2020 na sección de Galicia,BNG,Política,Vigo

O BNG de Vigo solicita ao alcalde un encontro con todas as forzas políticas para activar a resposta do Concello ás consecuencias sociais e económicas da crise da Covid-19

O Bloque Nacionalista Galego vai solicitarlle ao alcalde de Vigo que convoque unha xuntanza con todas as forzas políticas da Corporación para poñer en común as medidas a aplicar, desde o Concello de Vigo, perante os efectos socioeconómicos derivados da crise sanitaria pola Covid-19. Así o vén de anunciar o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, que lamentou a falla de resposta por parte do Goberno municipal ás propostas trasladadas hai preto dun mes pola fronte nacionalista.

Igrexas, lembrou que o BNG propuxo no pleno do pasado 16 de abril a necesidade de poñer en marcha un Plan de Protección Social, para impedir que as clases populares e traballadoras pagasen as consecuencias da crise da Covi19, para protexer as familias máis vulnerábeis, estender dereitos e asegurar que, no que dependa do Concello de Vigo, ningunha viguesa nin ningún vigués ían quedar atrás. Entre as medidas defendidas polo Bloque estaban a extensión indefinida dos dispositivos de atención á poboación sen teito, unha nova convocatoria ampliada do ‘cheque social’, o aumento das axudas de emerxencia, o reforzo do SAF e máis persoal no servizo de benestar social.

Aliás, nesa altura tamén demandaron o despregamento dunha Estratexia de Promoción Económica e do Emprego, que permitise axudar ao tecido comercial e as pequenas e medianas empresas da cidade, mais tamén para blindar a base produtiva da cidade e estar en condicións de manter e de crear máis emprego digno e con dereitos. Con ese afán, as nacionalistas suxerían a creación dunha axuda directa de 1.500 euros a comercios, PEMEs e autónomos, a posta en marcha dunha dunha liña de microcréditos municipais ao sector comercial e maiores bonificacións e aprazamentos na fiscalidade municipal.

No entanto, transcorridas varias semanas e malia a receptividade declarada polo grupo de goberno de estudar as propostas nacionalistas, estas seguen sen resposta. “Cando se cumpre un mes desas propostas, a resposta por parte do Goberno municipal foi até o momento o silencio”, lamentou o portavoz municipal nacionalista.

Solicitude de xuntanza

Diante desta situación de impasse, o BNG vai trasladarlle a Abel Caballero  a necesidade de realizar unha nova xuntanza, como a celebrada o 16 de marzo no inicio do estado de alarma, entre a alcaldía e os voceiros de todas as forzas políticas con representación no  Pleno.
Un encontro que, segundo Igrexas, tería por obxectivo “poñer en común, para cooperar, para sumar ideas e esforzos, para tecer un consenso que nos permita poñer en marcha estas iniciativas para enfrontar os efectos sociais e económicos da crise do coronavirus”. Medidas -apunta o edil nacionalista-, que xa se puxeron en marcha en concellos máis pequenos e con menos recursos económicos que Vigo, polo que entende que “agora que xa estamos na desescalada da crise sanitaria é urxente atender as consecuencias da crise do coronavirus, con decisións e con medidas concretas”. “É o momento de actuar”, remacha Igrexas.