O BNG denunciou no Parlamento a represión da liberdade de expresión por parte do Estado español amparándose na Lei mordaza, que mesmo ten suposto penas de prisión para persoas que ben polas redes, ben a través de diferentes expresións artísticas manteñen unha posición crítica ou provocadora contra o status quo, como por exemplo o rapeiro Valtonyc ou o grupo de rapeiros de Vigo La Insurgencia.
“Pode gustarnos ou non o que din, e no meu caso confeso que non me gustan nin musicalmente nin o seu estilo, pero defendo e defenderei o dereito a expresarse, a crear, á subversión, á sátira e á ironía”, argumentou a deputada Noa Presas durante o debate en comisión dunha iniciativa do BNG en relación coas liberdades individuais, tras a condena a dous anos de cárcere para os rapeiros do grupo vigués.
“Non son os primeiros nin serán os últimos, son un exemplo que pon cara ao retroceso democrático”, indicou Presas, tras citar algunhas das declaración destes rapeiros galegos “para darlles voz neste Parlamento: “Claro que rapeamos con rabia, e temos rancor aos que nos roubaron o futuro”, ou “en calquera barrio obreiro estase vendo a absoluta miseria, como as pensións dos avós ou os traballos precarios”, din.
Outras das súas declaracións: “Un dos nosos compañeiros falaba nunha canción da miseria e de como a xente se sente abocada a facer loucuras por desesperación. Dicía algo como ‘si me veo sin nada en la cartera, pienso en atracar un banco’. E el explicou que non, que non vai atracar un banco pero que na súa letra fala dese proceso de desesperación”.
“Agora estes rapaces teñen a vida esnaquizada, perderon os seus traballos, os seus estudos e están na picota”, sintentizou Presas, tras ser sentenciados a dous anos de prisión, 4.800 € de multa e oito anos de inhabilitación para exercer cargo público, “para uns rapaces que non ameazaron ninguén, non empregaron violencia física contra ninguén, nin instigaron a ninguén á violencia”.
“A irreverencia e a sátira na música e na poesía son unha constante en calquera época, son unha constante en calquera arte, e deben ser parte da expresión das persoas nunha sociedade intelectualmente rica e formada”, insistiu, tras criticar que se utilice o código penal para impedir a liberdade de expresión.
Para o BNG, o Estado español incumpre a directiva europea sobre delito de enaltecemento de terrorismo, que establece que para consideralo tal “ten que haber risco certo e concreto para a convivencia pacífica, mentres que a sentenza a este grupo vigués refírese a un risco abstracto, ten que haber un contexto de violencia xeneralizada que por fortuna non existe nin en Galiza, nin no Estado, nin en Europa”, indicou Presas.
Para a deputada nacionalista, “terrorismo é o sionismo matando palestinos co silencio cómplice de Estados aliados como o español, non un grupo de rapeiros, e incitación ao odio é un profesor da universidade amparado violacións grupais probadas, non alumnas protestando nunha reunión da USC pero coa súa Lei mordaza do PP na man corren máis perigo elas”.
Por iso, o BNG demanda do Goberno galego “que se posicione en contra desta escalada delirante de represión”, concluíu, “queremos unha Galiza que sexa vangarda no mundo na defensa de dereitos avanzados, e o PP lévanos na dirección contraria”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.