A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu en que votar o 12 de Xullo en pleno estado de alarma e nun proceso imprevisible de desescalada é unha temeridade, pero unha vez tomada a decisión o BNG vai traballar desde o minuto cero para conseguir que a cita coas urnas traia “o cambio galego” que o país precisa para a reconstrución económica e social, que será a folla de ruta da proposta nacionalista.
“É unha temeridade e oxalá non haxa que lamentar esta decisión, de todo corazón o digo, pero a proba de que Feixóo está xogando con lume é que o propio decreto de convocatoria poder prever unha nova cancelación dando por feito a posibilidade dun reponte da pandemia que podería ter consecuencias moi graves porque o nivel de inmunidade da poboación galega fronte ao virus é mínimo, como sinalan os estudos epidemiolóxicos”, explica a líder do Bloque.
En todo caso, a decisión está tomada, “e ante este feito que non podemos cambiar só nos queda desexar, insisto, que non teñamos que lamentar esta decisión polo ben de todos e de todas”. A partir de agora, -avanzou-, o BNG vai traballar para trasladar á sociedade galega as súas alternativas. “A folla de ruta do BNG é clara: a reconstrución económica e social de Galiza para sacar adiante a este país ante a crise brutal que nos afecta de cheo e que puxo patas arriba a vida dos galegos e das galegas”, argumentou.
Neste novo contexto, recalcou Pontón, o cambio é aínda máis perentorio. “Se antes era necesario, despois da COVID19 é imprescindible un cambio galego que permita poñer en marcha todo o potencial e toda a capacidade de Galiza, que aposte por unir este país en base a un gran acordo para a reconstrución económica e social”, explicou Pontón.
A alternativa do BNG, adiantou, vai ter entre os seus grandes eixos: a saúde, emprego digno e o benestar social, “e imos concentrar todos os nosos esforzos en explicar as propostas do Bloque para fortalecer os servizos públicos, en particular a sanidade, para a reactivación da economía en aras de recuperar os miles de empregos que están en risco, e imos explicar o noso modelo en materia de benestar social e os coidados sociais con especial atención á defensa do dereito a unha vellez digna”.
O traballo de cara a cita electoral vai estar centrado nas cuestións que hoxe preocupan á maioría social porque afectan directamente ao seu cada día.
“O que hoxe preocupa aos galegos e as galegas e como van pagar as facturas, como van chegar a fin de mes, como van facer para conciliar vida laboral e familiar; temos a xente nova desesperanzada; os sectores produtivos en crise; ao comercio local, hostalería e turismo preguntándose polo seu futuro; ou ao colectivo de 210.000 traballadores e traballadoras por conta propia que non saben que vai pasar ao día seguinte. Son cuestións todas que centrarán o traballo do BNG para as próximas semanas”, recalcou.
Debates electorais nos medios públicos
En relación á duración da campaña, Pontón indicou que hai que ter en conta o contexto pero iso non debe impedir trasladar á cidadanía as propostas, as alternativas e o modelo de país que cada forza política ofrece. “Espero que Feixóo non pretenda amordazar ao resto das forzas políticas despois de ter utilizado dun xeito tan descarado aos medios públicos de comunicación en particular a TVG”, salientou a dirixente nacionalista.
Se tomamos como referencia o estado de alarma, explicou, desde o 14 de marzo ao 13 de maio, Feixóo acaparou 1.463 minutos de emisión en directo na TVG. O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura.
“Confío en que non pretenda furtar á cidadanía o dereito ao debate sobre o que nos xogamos nesta convocatoria electoral, que non intente amordazar ao resto de forzas políticas e que non pretenda facer crer que quere unha campaña curta cando leva facendo campaña electoral desde o momento en que se declarou o estado de alarma”, afondou Pontón, tras salientar que neste contexto o papel dos medios públicos é especialmente relevante para trasladar o debate e a pluralidade política.
A rebufo de Urkullu
“É necesario que os medios públicos xoguen un papel diferente, que non sexan unha canle de propaganda do PP senón que lle permitan aos galegos e as galegas acceder ás propostas e alternativas que temos as forzas políticas que concorremos a este proceso electoral”, indicou, por iso, o BNG propón cando menos dous debates na TVG en horario de máxima audiencia entre os candidatos e candidatas á Presidencia.
“Vai ser unha campaña nA que os debates xoguen un papel máis importante por razóns obvias e no BNG estamos dispostas a ir a cantos debates se nos convoque porque é un dereito que teñen os galegos e as galegas para coñecer cales son as propostas das persoas que aspiramos a presidir Galiza, vernos debatendo e contrastando as nosas alternativas”.
Pontón lamentou a falta de diálogo de Feixóo que confirma até que punto está instalado no seu “absolutismo” e criticou que, de novo, sexa o lehendakari Urkullu que volva fixar a data electoral mentres que o xefe do Executivo galego se limita a “ir a rebufo”.
Ana Pontón critica a “improvisación” de Feixóo na xestión das residencias de maiores
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, critica ao Goberno galego por non “anticiparse” para xestionar a situación das residencias de maiores con máis de 20.000 persoas usuarias e a mitade de falecementos pola COVID-19 ao longo destes dous meses. Asegura que estes datos, constatan que “algo se fixo mal”.
Para Pontón, o goberno mostrou “improvisación” na xestión das residencias e Feixóo agora dá unha nova mostra desa improvisación cando “en menos de 48 horas di unha cousa e a contraria”. Primeiro, Feixóo anuncia visitas ás residencias de maiores a partir do luns 18, sabendo que non se permiten nesta fase pola normativa vixente e despois cancela as visitas botádonlle a culpa ao goberno central.
Desde o BNG, dixo, discrepamos da xestión da crise desde Madrid, pero neste caso, o goberno central non cambiou de criterio e en ningún momento estableceu poder facer visitas na fase 1, todo o contrario. Sen embargo, Feixóo fixo un anuncio de “maneira oportunista” a pesar de saber que non era posible. “En política non todo vale”, e moito menos en período de pandemia co grande sufrimento que leva ocasionado esta crise.
O día 16 de maio, o BOE publica a normativa de ‘ámbito estatal’ para o acceso de familias a centros residenciais de persoas maiores , centros residenciais de persoas con discapacidade e vivendas tuteladas, a partir da Fase 2, a partir del 25 de maio. A normativa sinala que no caso das residencias de maiores, “las visitas se realizarán preferentemente en supuestos excepcionales, tales como el final de la vida o el alivio de descompensación neurocognitiva del residente y que, en todo caso, non se permitirá o acceso a residencias “en los que haya casos confirmados de COVID-19, o en los que algún residente se encuentre en período de cuarentena por haber tenido contacto estrecho con alguna persona con síntomas o diagnosticada de COVID-19“.
Feixóo fai electoralismo coas familias das persoas residentes
O protocolo anunciado o xoves por Feijóo, abonda Pontón, non forma parte dos acordos do Consello da Xunta nin foi publicado no DOG. Unha vez máis, vemos como Feixóo utiliza a dor das familias para facer “electoralismo e actuando de xeito irresponsábel”. A portavoz do BNG anunciou que pedirá explicacións no Parlamento de Galiza sobre unha actuación que cualifica de “impresentábel, ética e humanamente”. Feixóo non pode xogar coa vida das persoas para facer electoralismo, debe “abrir unha investigación sobre o que sucedeu nas residencia e elaborar un protocolo claro que permita preparar o seu desconfinamento” .
Na actualidade, lembrou Pontón , existen 223 residencias das que só 24 son de xestión pública. Nestes últimos 11 anos o goberno galego non construíu ningunha residencia pública a pesar de que Feijóo leva anos prometendo construír unha en cada unha das sete grandes cidades, poro “non se fixo nin unha soa nova residencia, nin unha soa nova praza pública en residencias”, recalcou.
“O modelo privatizador de Feixóo fracasou”. Hai que abandonar o modelo de mercantilizar o dereito a unha vez digna e o BNG seguirá reclamando o rescate do coidado das persoas maiores para o sector público, co mesmo criterio que rexe para a sanidade e no ensino.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.