O BNG insta a presentar reclamacións no SERGAS pola falta de pediatra substituto en Baiona

Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Política,Baiona,BNG,Galicia

O BNG insta a presentar reclamacións no SERGAS pola falta de pediatra substituto en Baiona

Novamente Baiona quedará sen servizo de pediatría, desta vez do 1 ao 15 de setembro por vacacións do pediatra titular no Centro de Saúde de Baiona. Como xa sucedera hai un ano, o BNG insta á veciñanza a que presente reclamacións ante o SERGAS, co fin de que se perciba o descontento da mesma. “Só a través da protesta formal cabe a posibilidade de rectificación dunha Consellería de Sanidade capitaneada por un Vázquez Almuiña que novamente deixa abandonada a súa vila”, di Iago Pereira, Portavoz Municipal do BNG no Concello de Baiona.

“O argumento de que non existen facultativos para contratar é unha falacia, como se puido comprobar coa xubilación do pediatra no Centro de Saúde de Coruxo, que foi substituído mediante contrato por días e coa advertencia de que derivarían os pacientes a Navia. A verdadeira derivación que oculta o Partido Popular no servizo de pediatría é da sanidade pública á privada”.

“Pregúntome si o Partido Popular fará como en Vigo e en Baiona apoiará as demandas da veciñanza para logo opoñerse no Parlamento. De feito Ángel Rodal xa mercou as escusas do SERGAS e en Pleno Municipal xustificou a ausencia de pediatra no Centro de Saúde de Baiona e que a Xunqueira non estaba tan lonxe. Si non ten capacidade para defender os intereses de Baiona queda constatado que fica inhabilitado para representar á veciñanza”, conclúe Iago Pereira.

O BNG repartirá reclamacións o vindeiro mércores, entre as 10 e as 12 da mañá diante do Centro de Saúde de Baiona e pon a disposición de quen o desexe modelos de presentación de reclamacións, no seguinte enlace.