O xoves 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga e tendo en conta o seu proxecto de especialización como Campus da Auga, o campus de Ourense volverá por cuarto ano consecutivo a aproveitar esta conmemoración para abrir as súas portas ás xeracións máis novas e continuar concienciando sobre a importancia da auga doce e da sustentabilidade da súa xestión. Para acadalo, o campus fará partícipes aos asistentes a esta cita do seu potencial formativo e investigador neste eido e noutros vinculados con el.
A cita foi presentada este martes no campus polos representantes das entidades implicadas. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, salientou como “este día de portas abertas é unha oportunidade para que os estudantes coñezan de primeira man as instalacións universitarias pero tamén a educación, o ensino e a investigación que se fai portas para dentro todos os días”. Ademais, indicou, “é un día para concienciar sobre a necesidade de facer un uso racional da auga”. Destacando como “a auga está chamada a ser elemento chave no desenvolvemento”, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, subliñou como estas xornadas “servirán para dar a coñecer canto pode achegar a comunidade universitaria” e destacou a importancia de ser “máis proteccionistas” con este recurso esencial. Pola súa banda, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, salientou como “se hai un elemento diferenciador que identifica ao territorio ourensán é a auga, en cantidade, calidade pero tamén en riqueza”, polo que destacou a importancia tanto do proxecto de especialización do Campus da Auga como a celebración destas xornadas.
Orientación e divulgación
A celebración no campus do Día Mundial da Auga, que tamén conta coa colaboración de Viaqua, está aberta á participación dos centros de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra, estando aínda aberto o prazo de inscrición. O obxectivo da xornada será tanto orientar ao alumnado sobre o seu futuro universitario como darlle a coñecer dun xeito ameno e divulgativo a investigación que se está a realizar no marco do Campus da Auga. Deste xeito, ademais de coñecer o campus no seu conxunto, os asistentes poderán coñecer de man dos responsables dos centros as diferentes titulacións que oferta a Universidade de Vigo neste campus e as súas saídas profesionais. Tamén haberá actividades dirixidas a amosar a oferta cultural e deportiva, instalacións, servizos e programas de apoio o alumnado cos que conta o campus ourensán.
A parte divulgativa contará coa implicación dun amplo panel de persoal docente e investigador de diferentes áreas. Seis investigadoras presentarán traballos desenvolvidos no marco do Campus da Auga sobre microbioloxía, hidratación, clima e alimentación. Haberá ademais unha zona aberta con nove stands nos se convidará ao alumnado asistente a achegarse a realizar diferentes actividades divulgativas, como ver microorganismos da auga mediante; coñecer o potencial da biomasa para obter compostos de valor engadido; probar como a cor de diferentes reaccións químicas serve de fonte de información sobre a calidade de auga ou aprender a identificar distintos olores. Nesta zona de stands, o alumnado preuniversitario tamén asistirá a diferentes demostracións das propiedades dos elementos; coñecerá a importancia de facer un bo almorzo; verá como “levita” un pequeno tren constituído por imáns supercondutores; aprenderá a programar con ferramentas sinxelas pequenos videoxogos e monitorizará diferentes parámetros nos que auga e saúde se relacionan, como a medición antropométrica.
Entrega de premios
Durante a celebración destas xornadas tamén se entregarán os premios da cuarta edición do Concurso Fotográfico Campus da Auga-Scholaris Auga, Ciencia e Desenvolvemento Sustentable, que ten aberto ata o domingo 18 o prazo de presentación de traballo. Poden presentarse a este certame estudantes de ESO ou Bacharelato da provincia de Ourense e Pontevedra, presentando unha obra, formada por fotografía e relato, que faga énfase na xeración de conciencia para o coidado e preservación da auga, no seu uso eficiente e/ou na reciclaxe da auga para usos domésticos ou industriais. Entregaranse tres premios, un primeiro consistente nunha tablet, un segundo consistente noutra tablet e un terceiro que será nun lote de libros sobre cultura e patrimonio de Ourense.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.