O campus de Ourense acollerá o 18º Campionato de España e o 1º Open de España de Remo Indoor

A actividade desenvolverase no pavillón universitario
Publicado por o día 17/01/2019 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

O campus de Ourense acollerá o 18º Campionato de España e o 1º Open de España de Remo Indoor

Os días 19 e 20 de xaneiro as instalacións deportivas do campus de Ourense, concretamente o seu pavillón de deportes, acollerán o 18º Campionato de España e o 1º Open de España de Remo Indoor. A cita está organizada pola Federación Española de Remo e a Federación Galega de Remo contando coa colaboración, ademais do campus de Ourense, do Inorde, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, entre outros.

O 18º Campionato de España de Remoergometro celebrarase o día 19, de 09.30 a 14.00 h. Arredor de 169 participantes de equipos procedentes de Galicia, País Vasco, Asturias, Comunitat Valenciana, Cataluña, Cantabria, Aragón e Andalucía competirán en 14 modalidades, que abranguen desde cadete masculino ata absoluto feminino. Polo que respecta á nova competición posta en marcha a nivel estatal, o I Open de España de Remo Indoor, desenvolverase o sábado e domingo nas mesmas instalacións. Nela, as e os participantes, que poden non estar federados, poderán competir en diferentes modalidades como son sprint, relevos por categorías e maratón por relevos mixtos. Este Open, indican desde a organización, ofrece a oportunidade a deportistas non federados de competir sobre as distancias oficiais do Campionato de España de Remoergómetro.