Máis de 100 persoas, entre representantes das administracións públicas internacionais de planificación do espazo mariño, do ámbito académico e do sector marítimo, participan dende o domingo e ata mañá no International Forum for Maritime Spatial Planning (MSPforum), un congreso organizado en Vigo pola Comisión Oceanográfica Intergubernamental da Unesco (IOC-Unesco). O obxectivo deste evento é intercambiar ideas e boas prácticas para conservar o océano e utilizar os seus recursos de forma sostible. Trátase de crear un espazo para o diálogo e a comprensión mutua sobre a planificación espacial mariña e baséase na compartición de experiencias entre os participantes de todo o mundo. Nesta terceira edición do foro internacional os 100 profesionais participantes están tamén achegándose á contorna para coñecer experiencias neste eido de primeira man, con visitas a institucións, empresas pesqueiras, estaleiros, o porto e mesmo empresas de restauración e turismo.
Así os comités de expertos dos comités University e Biotechnology amosaron o seu interese por coñecer o traballo que realiza a Universidade de Vigo, en concreto o Campus do Mar, no campo da planificación mariña e quixeron achegarse tanto ao campus como á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, xa que identificaron varios proxectos que se están levando a cabo na institución académica e resultan de interese para o MSP.
Na procura de novas estratexias para a planificación do espazo mariño
A edición viguesa do International Forum for Maritime Spatial Planning é a terceira que se celebra na procura de novos debates, ideas e experiencias que axuden a desenvolver as novas directrices internacionais en planificación do espazo marítimo, un proceso público de análise e asignación da distribución espacial e temporal das actividades humanas nas zonas mariñas para lograr obxectivos ecolóxicos, económicos e sociais que se especificaron a través dun proceso político.
No marco da xornada de hoxe, os representantes do grupo de traballo University, procedentes de países como Portugal, Suecia, Ghana, Corea do Sur ou Namibia, visitaron o campus, onde foron recibidos polo director do Centro de Investigación Mariña da Universidade, Daniel Rey. Ao longo da mañá mantiveron tamén xuntanzas con Elena Ojea, do Future Oceans Lab, Raquel Fernández, do grupo Erenea e Pol Fontanet, do proxecto MarRisk. Posteriormente desprazáronse a Citexvi para coñecer o traballo de Gradiant, Imatia e Nanoimmunotech como exemplos do modelo de transferencia universidade-empresa.
Mentres, os membros do comité de Biotechnology de Bulgaria, Vietnam, España, Alxeria, Reunión e Italia desprazáronse á Ecimat, onde fixeron unha visita guiada da man do seu director José Manuel García e a investigadora Alba Hernández e reuníronse con científicos do Centro de Investigación Mariña que lles presentaron algúns dos proxecto en marcha, como Peiraos do solpor e con grupos de investigación como Ecocost ou o European Blue Biobank.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.