O CDTIC da Amtega organiza o 4 de abril unha xornada sobre o almacenamento masivo de datos coa plataforma de código aberto Ceph

As empresas Red Hat, SUPERMICRO, Colabora Ingenieros, Cumulus Networks, Dinahosting e Igalia colaboran coa Amtega nesta xornada
Publicado por o día 28/03/2018 na sección de Xunta de Galicia

O CDTIC da Amtega organiza o 4 de abril unha xornada sobre o almacenamento masivo de datos coa plataforma de código aberto Ceph

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolle, o día 4 de abril, unha xornada que leva por título “Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD” (https://cdtic.xunta.gal/ceph) e que se desenvolverá nas súas instalacións de Santiago de Compostela de 9.30 a 14.00 horas.

Ao longo da xornada presentarase a plataforma de código aberto Ceph, un sistema de almacenamento programable, distribuído e altamente escalable, que lles permite ás empresas liberarse das custosas solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware. No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitirlle ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización. A xornada conta coa inestimable colaboración das empresas Red Hat, SUPERMICRO, Colabora Ingenieros, Cumulus Networks, Dinahosting e Igalia.

Esta actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con necesidades de deseño, aprovisionamento software/hardware, implementación, despregamento e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e escalable.

Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Plan de Software Libre da Xunta

Esta xornada enmárcase no Plan de Acción de Software Libre da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación dirixidas ao sector empresarial para mellorar o coñecemento de solucións de software libre entre as empresas galegas así como o achegar experiencias e casos de uso concretos, medidas demandadas polo empresariado galego, segundo se reflicte dos anuais do uso de software libre elaborados polo OSIMGA.