O Centro de Linguas abre, ata o día 20, o prazo de matrícula para cursos de sete idiomas

Chinés nos tres campus e conversa en italiano e francés, entre as principais novidades
Por o 10/01/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
O Centro de Linguas abre, ata o día 20, o prazo de matrícula para cursos de sete idiomas

Se entre os propósitos do ano novo adoita estar o de aprender un idioma, o Centro de Linguas da Universidade de Vigo permite elixir entre sete alternativas diferentes para fornecer os coñecementos lingüísticos: alemán, chinés, español, francés, inglés, italiano e persa. Abertos tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral, os cursos do segundo cuadrimestre teñen o prazo de matrícula aberto ata o vindeiro día 20 de xaneiro.

Mentres para os interesados no persa se ofrece tanto nivel inicial como b2.2 para os que continúen coa súa formación, no caso do italiano haberá un curso de conversa e outro semipresencial de nivel a1. Para os que queiran estudar alemán ofértanse cursos de nivel a1.2 e b1. No caso do francés está aberta a matrícula para dous cursos de conversa a2/b1 e b2/c1. A oferta máis ampla de todas é a que respecta ao inglés, que comprende cursos cuadrimestrais en Ourense de nivel b2.2, en Pontevedra a2.2 e b1.2 e en Vigo cursos de nivel a2.2, b1.2, b2.2, c1.2 e un obradoiro de presentacións académicas en inglés. Nesta ocasión, a esta ofértase súmase unha das principais novidades do cuadrimestre, o curso Hold on to your English! dirixido a estudantes de nivel alto de inglés (C1/C2) para manter e reforzar a súa competencia lingüística a través das catro destrezas. Están pensados, explica Mercedes Álvarez, responsable do Centro de Linguas, “para estudantes que queiran presentar o seu TFG ou TFM nunha titulación que permite facelo neste idioma”.

Para as persoas interesadas na lingua chinesa, o Centro de Linguas deseñou unha oferta ampliada de cursos, obradoiros e exames en colaboración coa Aula Confucio. Por unha banda, terán lugar dous talleres, un de recorte de papel e outro de caligrafía, ambos de balde e dun só día de duración, que se ofertan nos tres campus na segunda quincena deste mes. “Estes obradoiros xa se celebraron no primeiro cuadrimestre en Vigo, pero son unha boa opción para un achegamento inicial á lingua chinesa”, e agora esténdense a Pontevedra e Ourense por primeira vez. Para os que queiran seguir afondando no idioma asiático, os tres campus acollerán un obradoiro de 40 horas de iniciación á lingua e á cultura, aos que se suma o curso cuadrimestral de lingua chinesa de nivel a1.2. que permite preparar o exame de acreditación de nivel oficial HSK1, que se celebrará por primeira vez na Universidade de Vigo no mes de xuño.

Finalmente, a oferta idiomática da Universidade de Vigo complétase cos cursos de español de estranxeiros nos tres campus, así como un curso semestral de lingua, cultura e adaptación á universidade española.

Preto de 600 matriculados no primeiro cuadrimestre

No momento de abrir o prazo de matrícula dos obradoiros do segundo cuadrimestre, tamén é tempo de facer balance do primeiro. En total, nos cursos do Centro de Linguas entre setembro e decembro participaron 583 persoas, sendo o inglés e o español para estranxeiros os idiomas máis demandados. No caso do español, as persoas matriculadas eran principalmente estudantes do programa Erasmus, mentres nos cursos de inglés aparecen perfís variados, dende os ordinarios, moi diversificados, ata os especializados, destinados ao persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos. O resto das linguas tiveron unha matrícula moito menor, senso o alemán o idioma que tivo maior demanda.

Exames de acreditación

Ao longo do mes de xaneiro terán lugar tamén os exames de acreditación de inglés Cartacles, que serán para o nivel b2 o 15 e para o b1 o 16 de xaneiro en cada un dos tres campus. Ademais, o día 14 haberá tamén un exame para c1 que se celebrará só no campus de Vigo. No que respecta ao francés, desenvolverase un exame de acreditación os días 17 e 18 deste mes (proba escrita e oral respectivamente). Como remarca Álvarez, “trátase dunha certificación propia do Centro de Linguas, non oficial, pero que é necesaria para o alumnado que quere participar no programa Erasmus en países de lingua francesa”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.