O ciclo Cultura no Camiño da Xunta de Galicia ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes.
Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano cun orzamento de máis de 450.000 euros, asumido pola Xunta e polos concellos asociados, para financiar a contratación das 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
A súa actividade concéntrase, ademais, nos meses centrais do ano para coincidir co período de maior afluencia de peregrinos e visitantes nestas localidades, que teñen así a oportunidade de reforzar os seus respectivos programas turísticos.
Espectáculos para público infantil
O público infantil será o gran protagonista desta recta final, con 41 funcións de teatro, novo circo, maxia e música especialmente pensadas para acudir en familia. É o caso da actuación da Cé Orquestra Pantasma, que terá lugar mañá ás 12,30 h. no campo da feira de Lestedo, en Boqueixón, e mais de 13 dos espectáculos que poderán verse durante a primeira semana de setembro na Fonsagrada (Circo Chosco, sábado 7), Carral (Culturactiva, sábado 7), Culleredo (Caxoto Contacontos, luns 2), Meaño (Sue Moreno, sábado 7), O Barco de Valdeorras (Viravolta Títeres, sábado 7), Ordes (A Xanela do Maxín, venres 6), Rodeiro (Martín Camiña Ilusionista, venres 6), San Cibrao das Viñas (Barafunda, luns 2; Ghazafelhos, martes 3; Duende Sico, mércores 4; A Xanela do Maxín, xoves 5, e Javier Muro, venres 6) e Vilalba (Mago Romarís, martes 3).
Nos próximos días, Cultura no Camiño estará presente tamén en Negreira, co espectáculo Errantes, que Troula Animación representará mañá pola noite na Carreira de San Mauro, así como en Oroso co concerto de A Banda da Loba (día 6) e en Cambre co de Aldaolado (día 7).
A axenda completa está dispoñible para a súa consulta a través das webs da Agadic e de Cultura da Xunta de Galicia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.