O cinema en versión orixinal volta esta semana ao edificio Cambón co ‘Ciclo Cine e Lingua’

Proxectaranse seis películas ata mediados de decembro
Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O cinema en versión orixinal volta esta semana ao edificio Cambón co ‘Ciclo Cine e Lingua’

“Aprender un idioma non é só gramática, unha lingua é vida e variedade, e a mellor maneira de aprendela é practicala e atopala na cultura”. Así nos anima Keith Payne a asistir á novena edición do Ciclo Cine e Lingua, Vigo, Let’s go to the flicks, unha actividade xa consolidada na programación cultural da Universidade de Vigo e que mañá mércores, estrea unha nova edición.

O ciclo prolongarase ata o mes de decembro e, de novo, volverá encher cada mércores ás 20.00 horas o auditorio do edificio Cambón de cine en versión orixinal, nesta ocasión en inglés. En total proxectaranse seis filmes, o primeiro The Rocky Horror Picture Story, unha longametraxe do ano 1975 dirixida por Jim Sharman na que se conta a historia de Rocky Horror, unha especie de Frankestein que rexeita os avances sexuais do seu creador, o doutor Frank, e de Brad e Janet, unha parella que se ve obrigada a pasar a noite na súa illada mansión.

Filmes protagonizados por xente que vive á marxe da sociedade

Os seis filmes que compoñen a programación deste ano – The Rocky Horror Picture Show, Get Out, Frank, Her, Paterson e Ex Machina – están conectados segundo Payne, lector de inglés da Universidade de Vigo, por dúas características comúns: por un lado,“o interese temático das películas e a súa dificultade de visionado dentro da comunidade galega” e, por outro, polos seus personaxes, “marxinados, persoas que viven apartados da sociedade, por ser travestís, músicos vangardistas, americanos africanos nos Estados Unidos ou poetas que traballan conducindo autobuses”, recalca Payne.

Nove anos de cine en versión orixinal

O Ciclo Cine e Lingua leva nove anos achegando ao público vigués aos filmes en versión orixinal que, tal e como indica Payne, “constitúen unha opción moi difícil de atopar dentro da oferta cultural da comunidade galega”. A intención é, a ao seu xuízo, volver ver as caras de “xente que ven ano tras ano, e no que a variedade dos asistentes e as diferenzas de ideade son os protagonistas, pois sempre vexo dende nenos e estudantes da Universidade a xubilados, pasando por traballadores da cidade”. Asemade, o organizador prevé para esta edición unha acollida tan boa coma as dos anos anteriores.

Entrada de balde e coloquios en cada película

Como cada ano, a entrada, apta para todos os públicos, é gratuíta  ata completar o aforamento, o que permitirá gozar entre amigos, familia ou parella dun ciclo de proxeccións que rematarán cun coloquio informal no que todas as achegas serán ben recibidas, nesta ocasión, sen importar a lingua na que se realicen.

Coa proxección de Ex Machina, o 12 de decembro, pecharase un ciclo, organizado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria coa colaboración do Centro de Linguas, a Xunta de Galicia e o Centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que cada ano achega a Vigo a posibilidade de gozar do cine en versión orixinal.