O Clúster das Empresas Alimentarias de Galicia achega as necesidades da industria ao persoal investigador do campus

Publicado por o día 19/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Clúster das Empresas Alimentarias de Galicia achega as necesidades da industria ao persoal investigador do campus

Co obxectivo de coñecer as liñas de traballo das persoas interesadas en desenvolver potenciais colaboracións co sector agroalimentario e de achegar ao persoal investigador as necesidades da industria, o Clúster das Empresas Alimentarias de Galicia (Clusaga) celebrou hoxe no campus vigués unha xornada, na que tamén deu a coñecer as súas acción e presentou as súas comisión de I+D+i e de sustentabilidade e economía circular. Preto de 30 persoas, entre persoal investigador, xestores de grupos, representantes de empresas e organizacións, asistiron á xornada na que vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, María Consuelo Pérez, destacou que “o sector da alimentación é un dos máis importantes na nosa comunidade autónoma e ademais é un dos que, desde o meu punto de vista, está apostando moito polo innovación e unha das misións máis importantes da universidade quizais sexa a de acompañar, na medida que se poida, a todas estas empresas dedicadas ao ámbito da alimentación na súa innovación”.

Un clúster para un sector estratéxico en Galicia

As xestoras de proxectos de innovación do clúster, Noelia Dosil e Patricia Fraga foron as encargadas de realizar a presentación de Clusaga, que integran neste intre 67 empresas do ámbito da alimentación, outras 14 doutros ámbitos, ademais de asociacións empresariais e universidades. Desenvolver a cultura da innovación e favorecer a difusión e aplicación do coñecemento; impulsar a creación de valor, a través de novos produtos ou procesos; mellorar a produtividade e sustentabilidade e reforzar a posición nos mercados, son algúns dos obxectivos do clúster, que a tal efecto constituíu as comisións de innovación e I+D e de sustentabilidade e economía circular. Así, no caso da primeira o obxectivo é acadar maior intercambio e interacción entre as empresas, centros tecnolóxicos e universidades, consolidando grupos de traballo arredor de temáticas como innovación en alimentos e ingredientes innovadores; novos modelos de produción e comercialización e loxística e distribución. En canto á comisión de sustentabilidade e economía circular, a finalidade é reforzar as cuestións relacionadas coa sostibilidade ambiental, cunha mención especial á bioeconomía e á economía circular en ámbitos como a organización de actividades de información e formación para socios; apoio á posta en marcha de proxectos colaborativos neste ámbito e divulgación de boas prácticas.

Pola súa banda, María Corina Porro, responsable do departamento de I+D+ i de Nova Pescanova e Julián Hernández, xerente de departamento de márketing de Vegalsa Eroski, afondaron nos retos da comisión de innovación e I+D do Clusaga, antes dunha rolda de presentacións curtas nas que representantes dos grupos de investigación de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Chans e Plantas, Antiox- QF2, Dereito Mercantil e do Traballo, Enxeñería de Bioprocesos (IIM-CSIC), o Grupo de Control Non Linear (DESA-UVigo) e da Área de Bioenerxía da Universidade de Vigo, presentaron a súa actividade e compartiron ideas con Clusaga e o resto de asistentes.