O Colexio de Xornalistas reúne a expertos para debater sobre a desinformación e as ameazas á liberdade de expresión

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza a xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión: Retos do xornalismo ante a irrupción dos extremismos, que terá lugar o vindeiro xoves 28 de novembro no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Avenida de Castelao, s/n), en horario de 9:00 a 19:30.
Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Eventos

O Colexio de Xornalistas reúne a expertos para debater sobre a desinformación e as ameazas á liberdade de expresión

A inscrición na xornada, que é gratuíta, pódese facer a través do seguinte formulário: http://docs.google.com/forms/d/1lewxi7zn8QEACVdzNCIk_fGzad38-zUJKZbMyYJ1QNA/viewform?edit_requested=true. O acto conta coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación e nela participarán varios especialistas na loita contra a desinformación.

O Colexio formula este debate ante a aparición de diferentes fenómenos que aumentan o peso da desinformación no panorama mediático. A proliferación de bulos e noticias falsas non é un fenómeno novo, mais o xornalismo ten a obriga de reflexionar sobre a súa expansión e de reformular as ferramentas para combatela.

Con este fin reuniranse nesta xornada xornalistas como Paolo Berizzi, Marta Peirano ou Edith Rodríguez, especializados en extremismos, desinformación e ataques á liberdade de expresión, que ofrecerán cadansúa conferencia. Ademais terán lugar tres mesas redondas con xornalistas, responsables de verificación e fact-checking e representantes do ámbito académico.

O acto comezará ás nove da mañá coas intervencións dos decanos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco González Sarria, e da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Ramón Pousa Estévez. A seguir, o xornalista italiano Paolo Berizzi falará sobre “O avance da extrema dereita en Europa: Desafío para o xornalismo”. Berizzi destaca como investigador do neofascismo no seu país desde as páxinas do diario La Repubblica e de libros como NazItalia.

A xornada de mañá completarase con dúas mesas redondas. A primeira, moderada pola xornalista do Faro de Vigo Lara Graña, analizará “As fake news como estratexia informativa”, e participarán nela Patricia R. Blanco (do blog ‘Hechos’ de El País), Eli Vivas (da plataforma Verificat e Storydata)  e César Peña (do Laboratorio de Innovación Audiovisual de RTVE), entre outros expertos.

Na segunda, os xornalistas Fernando Varela (infoLibre), Virginia P. Alonso (Público), María Obelleiro (Sermos Galiza e Nós Diario), Xosé Hermida (El País), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial) e David Lombao (Praza Pública) debaterán sobre “Os novos  movementos extremistas e como afrontar o fenómeno desde o xornalismo”.

A xornalista Marta Peirano abrirá a xornada da tarde

Ás catro da tarde reanudarase a actividade cunha conferencia de Marta Peirano, “Facer xornalismo na era da desinformación”, que será presentada pola xornalista da Radio Galega, e membro da Xunta de Goberno do CPXG, Belén Regueira. Xornalista e ensaísta, especializada en tecnoloxía e poder, Peirano foi xefa da sección cultural de eldiario.es e fundadora de CryptoParty Berlín e Copyfight. O seu último libro, El enemigo conoce el sistema, investiga a maneira opaca na que os servidores de internet xestionan a información que obteñen dos usuarios.

A continuación, a mesa redonda “Ameazas para a información no mundo dixital”, xuntará aos expertos das universidades Alexandre López-Borrull (Universitat Oberta de Catalunya), Raúl Magallón Rosa (Universidad Carlos III), Dolors Palau-Sampio (Universitat de València) e Edita de Lorenzo (Universidade de Vigo, COETG). Esta mesa será moderada por Berta García Orosa, profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

A xornada rematará con Edith Rodríguez, relatora para os ataques contra a liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras España, que impartirá a conferencia “Os ataques á liberdade de prensa en España”. Fernanda Tabarés, xornalista do Grupo Voz, presentará a conferencia de peche desta xornada.

A inscrición nas xornadas é gratuíta até completar o aforo do auditorio e pode realizarse a través do formulario dispoñible na rede: http://docs.google.com/forms/d/1lewxi7zn8QEACVdzNCIk_fGzad38-zUJKZbMyYJ1QNA/viewform?edit_requested=true. Ás persoas asistentes entregaráselles un diploma acreditativo.

Para máis información pode consultarse co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, no teléfono 981 93 56 70, ou na súa sede na Rúa Ponferrada, 9, baixo, de Santiago de Compostela.