O comercio galego celebrará do 13 ao 26 de maio unha nova edición dos ‘Días azuis’ para dinamizar a súa actividade

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou esta mañá en Lugo esta campaña na que a Xunta participa xunto coa Federación Galega de Comercio e Abanca
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de Empresas

O comercio galego celebrará do 13 ao 26 de maio unha nova edición dos ‘Días azuis’ para dinamizar a súa actividade

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, presentou esta mañá en Lugo unha nova edición da campaña Días azuis do comercio galego, organizada pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta, e que se celebrará do 13 ao 26 de maio co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.

Na súa intervención, a directora xeral destacou que durante estas dúas semanas o obxectivo da campaña é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade, “tan importante para a nosa economía”. Neste sentido, animou aos galegos e galegas a comprar, gozar e apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano.

Os clientes dos comercios que realicen as súas compras entre estas dúas datas deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante.

Entre todos os participantes sortearanse un total de 16.200 euros en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros e 52 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 29 de maio.

A iniciativa enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia que a Xunta está a desenvolver para reforzar este sector e que contempla un total de 55 accións específicas ata 2020.