O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia propón, para conter a crise sanitaria, que toda Galicia pase a estar nos dous niveis máis altos de restricións, dos catro que manexan, o que suporía que toda a hostalaría peche ás seis da tarde e que o número máximo de persoas por reunión sexa de catro.
No nivel máximo, a hostalaría soamente pode funcionar coas as terrazas ao 50%; no medio alto, o seguinte, poden traballar ao 30% en interior e ao 50% no exterior. En ambos os chanzos, a mobilidade está restrinxida.
Ata agora, no nivel máximo estaban os concellos de máis de dez mil habitantes cunha incidencia acumulada a 14 días igual ou superior a 250 casos por cada cen mil habitantes. No medio alto, os municipios de máis de 10.000 habitantes cunha incidencia de entre 150 e 250 casos a 14 días vista e os de menos de 10.000 cunha incidencia que estea por encima dos 250 casos por cada cen mil habitantes. Desaparecerían neste momento os niveis medio e básico, os máis permisivos.
Os expertos, que se xuntaron este luns ás seis da tarde, seguen aínda debatendo como van endurecer as limitacións de mobilidade, ocupación, toques de queda e contactos persoais ante a expansión do virus, polo que os detalles en profundidade os darán este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, nunha comparecencia conxunta.
A escalada de contaxios por covid-19 en Galicia segue o seu curso e xa ascende a 8.810 casos activos, 560 máis que no anterior reconto, e a 844 novos positivos, 142 máis. Hai apenas unha semana a comunidade galega acumulaba 5.991 contaxios activos, 426 máis que o 23 de decembro, véspera das festas do Nadal.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este martes de que a situación pola covid-19 seguirá deteriorándose durante as próximas semanas e anticipou que a terceira onda será “superior” á segunda, cuxo pico se rexistrou o pasado mes de novembro.
Núñez Feijóo avanzou que as medidas serán proporcionais á situación actual e, por tanto, “máis restritivas”. Insistiu en que o comité asesor traballa con independencia e rigor e atendendo a criterios epidemiolóxicos, que son os que orientan as súas recomendacións ao Goberno galego.
As novas medidas entrarán en vigor probablemente o venres, segundo adiantou Núñez Feijóo, que citou entre os sectores nos que a Xunta pode actuar os ximnasios ou as salas de xogos, ademais da hostalaría en si.
Noticias de última hora en Vigo