O complexo intermareal Umia-O Grove acolle este domingo a segunda das rutas ornitolóxicas do programa “Voando nas Rías Baixas”

As 25 prazas dispoñibles para esta excursión guiada esgotáronse en tan só 15 minutos
Publicado por o día 14/02/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,O Grove

O complexo intermareal Umia-O Grove acolle este domingo a segunda das rutas ornitolóxicas do programa “Voando nas Rías Baixas”

O Complexo Intermareal Umia-O Grove é o escenario escollido para acoller este domingo a segunda das rutas ornitolóxicas de “Voando nas Rías Baixas“, o programa da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO-Birdlife, que a través de cinco excursións guiadas permite ao público coñecer de xeito gratuíto a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. As 25 prazas ofertadas para esta ruta, nun espazo protexido pola Rede Natura 2000 e Reserva Ornitolóxica máis grande de España, esgotáronse en tan só 15 minutos.

O escenario, declarado reserva ornitolóxica de SEO/Birdlife do Grove, é un dos mellores lugares para a observación de aves acuáticas invernantes, de feito máis de 18.000 aves pasan os meses de frío neste espazo da provincia. Así, durante a excursión, as persoas participantes poderán observar cullereiros, gavitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carráns, movellas, pentumeiros ou corvos mariños, que dende o norte de Europa desprázanse a esta Reserva para aproveitar a súa riqueza. Esta ruta, que contará con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico, terá como punto de encontro o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ás 9 horas.

Tras esta segunda ruta, “Voando nas Rías Baixas” continúa cunha terceira excursión o 8 de marzo polo esteiro do río Miño (A Guarda) e Foz da Ramallosa (Nigrán). O prazo de inscrición para a terceira ruta estará aberto desde o 24 de febreiro ao 4 de marzo. Posteriormente, o programa continuará polas brañas de Xestoso e serra do Suído.

Voando nas Rías Baixas“, que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan estratéxico de turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.