A concelleira de Igualdade, María Jesús Sánchez, informa de que o Concello de Lalín, a través da Oficina Municipal de Igualdade, acaba de convocar o XV Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” e o VII Concurso de chíos contra a violencia de xénero. O prazo para a presentación dos traballos permanecerá aberto ata o día 2 de novembro para o certame epistolar e ata o 9 de novembro para a publicación de chíos. En todo caso, o prazo para poder remitir as propostas quedará aberto ao día seguinte da publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia, que terá lugar nos vindeiros días.
Estas dúas iniciativas véñense desenvolvendo dende hai anos e teñen o obxectivo -tal e como destacou a concelleira de Muller e Igualdade, María Jesús Sánchez, de “promover entre a sociedade unha conciencia de condena e loita contra as violencias machistas, así como fomentar formas de vida e de convivencia en igualdade”. Do mesmo xeito, os concursos buscan “estimular a reflexión sobre a lacra da violencia de xénero nas súas diferentes manifestacións e sobre os efectos e consecuencias da mesma na sociedade, coa finalidade de incrementar a sensibilidade da cidadanía con respecto a esta problemática social”.
As bases dos dous concursos pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), e na páxina web municipal, www.lalin.gal. A participación está aberta a toda a cidadanía. “Dillo a quen maltrata” permite a presentación de tres misivas por participante, redactadas en lingua galega ou en español, cunha extensión máxima de dous folios escritos por unha soa cara, que poden ser presentadas no rexistro do Concello, ou ben seren enviadas vía correo electrónico ao enderezo igualdade@lalin.gal.
Primeiramente realizarase unha preselección da que sairán elixidas 20 cartas das que posteriormente un xurado extraerá as 3 finalistas. Aos gañadores seralles concedido un diploma acreditativo e un premio dunha Tablet Android 10 polgadas e 8GB para o gañador, unha Tablet Android de 7 polgadas e 4GB de memoria par o segundo clasificado e un E-Bok táctil de 7 polgadas para o escritor ou escritora da carta elixida en terceira posición.
O VI Concurso de Tuits contra a violencia de xénero, tamén está aberto á participación de toda a cidadanía. Cada concursante poderá emitir un máximo de 3 tuits sobre a temática, que inclúan o hastag #lalinsenviolencia, facendo mención a @eigualdad, cun duplicado a @ConcellodeLalin. O xurado emitirá o fallo antes do día 21 de novembro cun premio para o gañador ou gañadora dunha Tablet Android de 10 polgadas, que será entregada nun acto público. Tanto no certame de misivas como no concurso de Twitter, os criterios de valoración para designar ás persoas gañadoras terán en conta o contido e tratamento do tema, así como a orixinalidade e a capacidade de impacto da mensaxe.
A concelleira de Igualdade animou a toda a cidadanía a participar neste certame “histórico”, destacando a importancia de levar a cabo este tipo de actividades de sensibilización, información e formación sobre a violencia de xénero para visibilizar, previr e tratar de dar resposta a este problema.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.