O departamento de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, con motivo da celebración do Día Mundial da Educación Ambiental, o próximo 26 de xaneiro, porá a disposición dos centros educativos de Gondomar material de tipo lúdico-educativo relacionado con cuestións de carácter ambiental e o cambio climático.
En total repartiranse entre os colexios de Educación Primaria do municipio vinte lotes con diferente material cuxo obxectivo é achegar ao alumnado a conceptos relacionados co medio ambiente e familiarizalos cos recursos que teñen ao seu alcance para coidalos.
A iniciativa enmárcase dentro da campaña escolar “Cambio Climático. Misión Actúa por el Clima” que promociona a Federación Española de Municipios e Provincias, dentro da Rede Española de Cidades polo Clima da que forma parte Gondomar. O goberno municipal quere así, aproveitar para subliñar a importancia que ten a celebración de xornadas como a do “Día Mundial da Educación Ambiental” para sensibilizar e implicar ás novas xeracións na defensa do Medio Ambiente.
Dirixida ao alumnado de Educación Primaria, a campaña está enfocada no concepto da eficiencia enerxética e facilítase ao profesorado unha variedade de medios para que poidan traballar nas aulas abordando, de forma divertida, cuestións relacionadas coa reciclaxe, o aforro da auga, etc.
Os lotes que se farán chegar aos colexios comprenden unha guía completa para os docentes, así como distintos xogos nos que o planeta ou o clima son os protagonistas, por exemplo, “A carreira polo clima”, unha especie de xogo da oca para toda primaria ou o “Clima en raia” cun pequeno test de coñecementos, entre outras propostas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.