O Concello de Mos intensifica o control ante os verquidos incontrolados de residuos

Os departamentos municipais de Medio Ambiente e Recollida de Residuos apelan á colaboración cidadá para unha maior concienciación e para detectar aos responsables das infraccións
Publicado por o día 21/08/2019 na sección de Galicia,Mos

O Concello de Mos intensifica o control ante os verquidos incontrolados de residuos

O concelleiro mosense de Medio Ambiente, Leo Costas, e o edil de Recollida de Residuos, Gonzalo Alonso alertaron hoxe públicamente do repunte de verquidos incontrolados dende finais da pasada primavera, situación ante a cal o Concello de Mos se atopa alerta, intensificando a vixilancia por parte tanto do propio departamento municipal de Medio Ambiente, dos concelleiros e da Policía Local.

Nos últimos días as parroquias de Cela, Tameiga, Sanguiñeda e Petelos (concretamente as zonas da curva vella de Gatesende, o polígono de Monte Faquiña, e a Igrexa de Sanguiñeda) foron obxecto de verquidos de carácter grave como uralitas, restos de obra, electrodomésticos, mobiliario, colchóns etc. Feitos que xa foron comunicados á Xunta de Galicia e denunciados perante a Policía Autonómica previo informe da Policía Local de Mos.

O edil Leo Costas e o concelleiro de Recollida de Residuos, Gonzalo Alonso, apelaban esta mañá á “colaboración cidadá, tanto para que tomen conciencia e ningún veciño cometa este tipo de infraccións; como para que denuncien os verquidos cando os detecten e alerten en caso de sorprender a alguén realizándoos, tomando incluso a matrícula do vehículo no que se portan os desperdicios ata o lugar do verquido, xa que ese tipo de datos nos facilitarían moito poder levar a bo término as correspondentes denuncias”.

Para vertebrar a coordinación da colaboración cidadá que se solicita creouse tamén a Unidade Medioambiental Municipal que se anunciaba fai unhas semanas e que incluirá o Grupo de Voluntariado Medioambiental de Mos, no que os interesados poden inscribirse chamando ao teléfono 986 33 94 04 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo omix@concellomos.es

A creación deste grupo está pensada para a formación dos seus integrantes e posterior participación en labores de control e denuncia de verquidos incontrolados, organización de campañas de concienciación medioambiental, etc.

A veciñanza en xeral tamén ten cabida nesta Unidade Medioambiental Municipal, xa que a colaboración cidadá terá unha gran importancia e peso, posto que se lle dará voz a través dunha App para os teléfonos móbiles mediante a que os habitantes do Concello de Mos poidan informar de posibles infraccións medioambientais, problemas detectados, aportar suxerencias, etc.

A Ordenanza Municipal de Medio Ambiente do Concello de Mos establece que son infraccións leves o depósito de residuos para a recollida sen os envases requeridos, o depósito de residuos fóra dos recipientes ou lugares dispostos para a súa recollida e o incumprimento do depósito selectivo de residuos. E é infracción grave o abandono, verquido ou eliminación incontrolada de calquera tipo de residuo urbano sen que producira un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou se puxera en perigo grave a saúde das persoas (tal é o caso dos verquidos de uralitas por exemplo).

As sancións que os responsables deste tipo de infraccións poden recibir e que establece a Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia oscilan entre 602 e 301.000 euros. Pola comisión das infraccións graves poderá impoñerse algunha das seguintes sancións: multa desde 603 hasta 31.000 euros, salvo nos residuos perigosos, que será desde 6.020 hasta 301.000 euros, e inhabilitación para o exercizo de calquera das actividades previstas na lei por un periodo de tempo de ata un ano. E pola comisión de las infraccións leves poderá impoñerse a sanción de multa de ata 602 euros, salvo en residuos perigosos, que será ata 6.019 euros.

Os concelleiros Gonzalo Alonso e Leo Costas declararon esta mañá a este respecto que “estes feitos están a producir un grave perxuízo económico para o Concello de Mos ao ter que asumir as tarefas de limpeza dos verquidos detectados, polo que desde a administración local estamos a extremar o control neste sentido”.

Ambos edís, Costas e Alonso, lamentaron por último “que se realicen este tipo de verquidos que perxudican ó noso entorno natural, ó medio ambiente, a tódolos veciños e veciñas de Mos; e ademais cargan de gastos ás arcas municipais”.