O Concello de Nigrán aproba as bases para adxudicar o arrendamento dunha parcela para aparcamento plúblico e de balde

A convocatoria de concurso público será publicada o venres na sede electrónica do Concello, tendo os interesados 20 días a posteriori para presentar ofertas
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán aproba as bases para adxudicar o arrendamento dunha parcela para aparcamento plúblico e de balde

O alcalde de Nigrán aprobou esta mañá o prego do concurso público para adxudicar un contrato privado de arrendamento dunha parcela céntrica destinada ao estacionamento público e gratuíto de vehículos, cuestión considerada prioritaria para este goberno. O obxectivo do consistorio é alugar de xeito transparente unha nova finca que sirva de alternativa ao aparcamento público da rúa Vilameán (este fora cedido de xeito gratuíto no 2013 e está inoperativo dende decembro por iniciar a propiedade obras de urbanización). Os pregos e a convocatoria serán publicados este venres na sede electrónica do Concello (http://sede.nigran.org) e os interesados disporán desde ese momento de 20 días para presentar ofertas a través do Rexistro.

“O prego elaborado polos técnicos contempla entre os seus criterios que sexa unha parcela igual de céntrica que a de Vilameán ou un prezo máximo tasado por metro cadrado. É fundamental contar con este espazo porque somos conscientes do beneficio que supón para os veciños que non viven no núcleo urbano e para o comercio e empresas da zona“, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o aluguer dunha finca por parte dun organismo público conleva unha tramitación transparente que dé igualdade de oportunidades a tódolos propietarios interesados en concorrer. “É un procedemento que conleva uns prazos e que outorga seguridade xurídica e transparencia”, sinala.

As características mínimas desta parcela, segundo establece o prego, é situarse nun radio de 250 metros medidos dende o acceso ata a casa consistorial; acceso por vial público asfaltado e con iluminación pública e fronte mínima de 5 metros; topografía eminentemente chaira; solo rústico ou apto para desenvolver; superficie mínima de 2.000 m2 non sendo abonados nin empregados os metros cadrados que superen os 3.000; e, finalmente, establécese un prezo máximo de 2,58 €/metro cadrado ao ano cun máximo anual de 7.440 € (sen IVE) e cunha duración máxima de 4 anos.

“Afortunadamente, hai varias parcelas que cumpren os requerimentos e os propietarios amosaron o seu interese por presentarse ao concurso”, indica González, quen subliña que os criterios de adxudicación ponderan especialmente a baixa respecto ao prezo base de licitación (55 puntos máximo), a ubicación céntrica (30 puntos máximo) e a entrada e saída independentes (15 puntos máximo).

O prego inclúe que o Concello poderá levar a cabo as obras precisas para adaptar a configuración actual da parcela á finalidade prevista e ao remate o Concello a devolverá libre de calquera edificación ou instalación sobre ela.