O Concello de Silleda abre aos veciños e veciñas a participación no intercambio cultural que terá lugar en agosto con Canéjan e Poggio Mirtteto

As persoas interesadas en acoller a veciños destas localidades de Francia e ltalia poden inscribirse ata o vindeiro 15 de xuño. As familias acolledoras terán preferencia para participar en futuros intercambios con outras cidades europeas
Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Galicia

O Concello de Silleda abre aos veciños e veciñas a participación no intercambio cultural que terá lugar en agosto con Canéjan e Poggio Mirtteto

O Concello de Silleda abre un prazo de inscrición para todos os veciños e veciñas que estén interesados en participar no intercambio cultural que se celebrará o vindeiro mes de agosto coas localidades de Caneján (Francia) e Poggio Mirtetto (Italia).

Unha delegación con veciños e veciñas destes dous países visitará Silleda do 13 ao 20 de agosto participando en distintas actividades, celebracións e roteiros que se están a organizar dende o Concello e o Comité de Irmandamento de Silleda.

Todas aquelas persoas ou familias interesadas en acoller aos participantes no intercambio poden inscribirse ata o vindeiro día 15 de xuño enviando un mail ao enderezo proxectoseuropeos@silleda.gal.

Así mesmo, as persoas e familias acolledoras terán preferencia para participar en futuros intercambios nestas ou noutras cidades europeas.

“Cremos que este intercambio será unha experiencia moi positiva e enriquecedora tanto a nivel social como cultural. Por suposto abriremos a todo o público ademais todos os actos que xa se están a organizar para dar a coñecer os nosos valores culturais, naturais patrimoniais; pero queremos tamén contar con familias silledenses para fomentar a esencia do intercambio”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

O municipio de Silleda participou o pasado ano en Caneján  nun intercambio no que tamén estiveron presentes veciños e veciñas da cidade italiana, situada a uns 40 kilómetros de Roma.

“Temos que devolverlles o agarimo e hospitalidade que nos brindaron entón por iso apelamos á participación dos veciños e veciñas de Silleda”, engade o rexedor.

Cuiña defende que a participación tanto en programas europeos de desenvolvemento como en intercambios coma este –que conconrreu ao programa Europa con los ciudadanos- “serán experiencias únicas e enriquecedoras para a sociedade silledense”.