O Concello de Silleda outorgou dende o inicio da lexislatura un total de 22 axudas á creación de emprego

O programa municipal destinou case 30.000 euros ás subvencións dos novos proxectos empresariais iniciados por veciños e veciñas en situación de desemprego. As bases para o ano 2019 serán sometidas a aprobación no pleno do vindeiro xoves
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Silleda,Galicia

O Concello de Silleda outorgou dende o inicio da lexislatura un total de 22 axudas á creación de emprego

O Concello de Silleda outorgou dende o inicio da lexislatura un total de 22 axudas ao abeiro do Plan Municipal de Creación de Emprego, que continuará executándose ao longo deste exercicio de 2019.

Coas dúas últimas axudas aprobadas pola Xunta de Goberno Local eo pasado mes de decembro (a Amarelas S.C., cooperativa de turismo e lecer, con 1.200 euros; e José Antonio Méndez, autónomo de transporte de mercadorías, que percibirá 600€) as subvencións outorgadas superan xa a vintena.

No ano 2015, cando se puxo en marcha esta iniciativa dende a Concellería de Emprego, que dirixe Ana Luisa González, foron 5 os veciños e veciñas beneficiarios; en 2016 outorgáronse 3 e en 2017 o número elevouse a 8. No exercicio de 2018 concedéronse outras 6 axudas e a día de hoxe hai outras tres solicitudes pendentes de aprobación.

En total, o Concello de Silleda destinou a este programa 28.802,98 euros.  “Os datos son moi satisfactorios, xa que nos 4 anos que levamos de axudas sóamente quedaron 2 proxectos no camiño”, indica a concelleira.

O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse no 2015 como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Calquera silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa.

Para o 2019

A iniciativa continuará durante este exercicio coa aprobación de novo das bases que se abordará no vindeiro pleno previsto para o xoves día 31 (10:00 horas).

“Agardamos un respaldo unánime para aprobar estas bases, que consensuamos no seu día todos os grupos da Corporación, e este ano propóñense sen modificación algunha respecto ao ano anterior”, indica a concelleira.

A subvención máxima outorgable é de 3.300 euros, cun baremo de 30 euros por punto.

Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración;  a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I.

Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.

“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva axudar á creación de emprego”,  indica.

As axudas outorgadas poden consultarse na páxina web municipal (www.silleda.gal) ao igual que as bases. Ademais tamén se poden descargar os anexos para realizar as solicitudes.

Así mesmo todas as axudas outorgadas dende o inicio do programa están publicadas no portal de Transparencia, na sede electrónica do Concello.