O Concello do Grove acollerá en agosto o DepoDesafío Travesía

A proba organizada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa deportivo Depo Desafío
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Galicia

O Concello do Grove acollerá en agosto o DepoDesafío Travesía

A Deputación de Pontevedra acolleu onte a presentación dun novo programa deportivo organizado polo ente provincial. Nesta ocasión trátase dun novo formato de probas deportivas que continúa co desenvolvemento do seu plan estratéxico e que combina a carreira, a bicicleta e a natación nun ciclo de cinco probas. As actividades están dirixidas a persoas maiores de 18 anos que queira experimentar novos desafíos e celebraranse en Tomiño, O Rosal, A Guarda, A Cañiza, Cerdedo, Cotobade, Vigo e O Grove.

As inscricións no programa DepoDesafío quedaron abertas no día de hoxe ás 9.00 horas a través da páxina web da Deputación establecéndose dúas categorías: “Desafío” se se realizan as cinco probas, ou “Individual” se só se quere concorrer a unha delas.

No caso concreto do Grove o DepoDesafío travesía celebrarase o 12 de agosto a partir das 11.30 horas da mañá. Trátase dunha proba de natación que sairá do porto do Grove e que percorrerá 1.200 metros. Para participar na mesma só se require traxe de baño ou de neopreno xa que o gorro de natación será facilitado pola organización. As persoas gañadoras (tres primeiros clasificados) desta proba, como en todas as celebradas nas outras localidades recibirán un trofeo tanto en categoría feminina como en masculina, pero debemos incidir en que a persoa gañadora do Desafío (cinco probas) conseguirá unha praza para participar na maratón de Berlín, premio que inclúe voo e aloxamento para el ou ela e os seus acompañantes.

Dende a Deputación de Pontevedra tamén se lembra que existe a posibilidade de participar na organización destas probas nas distintas localidades mediante o voluntariado. As persoas interesadas en formar parte da experiencia tan só teñen que inscribirse no servizo de deportes da Deputación de Pontevedra.