O Concello do Grove celebrará o Día Internacional da Biblioteca cun programa de actividades que se desenvolverá entre o 20 e o 27 de outubro. A programación dará comezo o sábado 20 na Axencia de Lectura de San Vicente co contacontos “A maxia dos contos” a cargo de Expresión Produccións, unha actividade que está dirixida a público infantil e familiar. Trátase dun espectáculo de animación á lectura con maxia, contos, monicreques, adiviñanzas, participación do público e moita interacción.
Xa o mércores, 24 de outubro, a partir das 18.00 horas terá lugar na Biblioteca Municipal do Grove a actividade “Biotecnólogos resolven un crime na biblioteca” a cargo do comunicador Manuel Vicente, responsable do programa de divulgación científica da Radio Galega “Efervescencia” e gañador do III Premio Galicia de Xornalismo Científico. Un obradoiro de divulgación científica durante o cal a rapazada terá que resolver un enigma.
O venres 26, a partir das 18.00 horas, tamén na Biblioteca Municipal do Grove, celebrarase unha sesión de contacontos “Travesías e aventuras do libro” a cargo de Raquel Queizás, un espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques dirixido a público infantil e xuvenil. Ao día seguinte, sábado 27, tamén na biblioteca, terá lugar unha nova edición da Noite das Meigas Curuxas e Bruxas, dirixida á poboación infantil de 10 a 12 anos.
Para participar nestas actividades é precisa inscrición previa nas propias bibliotecas ou no teléfono 986732341 ou no email biblioteca@concellodogrove.es; tamén se atenden inscricións mediante mensaxe á páxina de Facebook.
Centros escolares
Ademais de todas as actividades que se desenvolverán nas propias bibliotecas municipais, grazas á colaboración cos centros escolares, o persoal bibliotecario desprazarase ata os centros educativos co fin de ofrecerlle á rapazada sesións de formación con contacontos e actividades de dinamización lectora. O mércores 24 visitarán o CEIP Rosalía de Castro e o CEIP As Bizocas e o xoves 25 será a quenda do CEIP Conmeniño e o CEIP Valle-Inclán.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.