O Concello xa dispón do proxecto básico para a reforma da praza de Barcelos no que supón, en palabras do concelleiro de Obras “o proxecto de reforma urbana máis ambicioso ao que nos temos enfrontado na historia de Pontevedra”. Demetrio Gómez informou que esta intervención ascende a 5.792.987 euros.
Segundo explicou “no proxecto dáse resposta ás necesidades dos principais usuarios da praza que son a xente máis moza e os cativos e cativas” para o que se multiplican os espazos de xogo e se aumentan as zonas deportivas, ao tempo que se estrutura a conexión da cidade co que previsiblemente será o novo espazo do convento de Santa Clara.
O concelleiro tamén anunciou que nas vindeiras semanas se iniciará o proceso de participación para dar a coñecer este proxecto a través de xuntanzas sectoriais. Neste sentido, indicou que atendendo ás actuais normas sanitarias non se poden realizar grandes xuntanzas polo que se está deseñando un proceso para manter encontros, por separado, coa veciñanza da zona, cos comerciantes, con colectivos de persoas con mobilidade reducida e tamén cos responsables do CEIP Barcelos, posto que no proxecto básico de reforma da praza se deixou baleiro o patio do centro educativo en espera de coñecer a opinión da comunidade educativa.
Demetrio Gómez lembrou que este proxecto responde “á reforma dunha zona central da cidade, que cumpre a función de é ser a zona de esparcemento probablemente do barrio máis populoso da cidade e que é unha das máis densas de toda Galiza”. Na reforma contémplanse “criterios construtivos de alta calidade urbana” que substituirán a “intervención dos anos 60 cando a cidade se ampliou cara o leste ou incluso cando se construíu o aparcadoiro soterrado”.
De feito, os accesos ao aparcadoiros serán rehabilitados para convertelos en estruturas “moito máis acordes co que vai ser a nova praza de Barcelos e cunha arquitectura moito máis contemporánea”. Estes accesos peonís estarán construídos en formigón e vidro, e recubertos cunha celosía de aceiro. “Trátase de substituír os edificios vellos por uns accesos peonís máis actuais, con máis calidade urbana, con materiais máis adaptados á praza, integrados coa contorna e respectuosos co patrimonio” expliou Demetrio Gómez.
Convén lembrar que neste proxecto, as áreas infantís trasládanse cara a unha zona máis central da praza e duplícase o espazo dedicado a este uso, establecendo dúas zonas de xogos. Tamén se cambia de ubicación e se incrementa o espazo dedicado a usos deportivos que, ademais das pistas, contemplan mesas para a práctica de tenis de mesa. Tamén se incrementan as zonas de sombra e as zonas verdes, coa instalación dunha pérgola central e o redeseño das áreas arboradas. No borde norte, isto é, a carón do muro de Santa Clara, mantéñense os plátanos centenarios, plántanse novas árbores e créase unha zona de paseo e estancia, cunha senda peonil, desde a que parte unha pradeira verde que se extende practicamente ata o centro da praza.
De cara a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, redeseñouse toda a circulación perimetral da praza. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. Tamén se tivo en conta, no deseño xeral, que os escaparates dos negocios fosen visibles desde a propia praza. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.