Nenas e nenos do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia están a ter un atarefado final de curso. Excursións, charlas, iniciativas de emprendemento…enchen estes días as xornadas dos cativos.
Todos os cursos, de infantil á ESO, realizaron diferentes excursións: saídas a coñecer Santiago de Compostela ou Celanova, visitas á Casa-Museo Rosalía de Castro e a Fundación Cela, en Padrón, ou un paseo pola fábrica de Clesa, onde coñeceron o proceso de fabricación dos iogures, foron algunhas das viaxes que levaron aos rapaces e rapazas por boa parte da xeografía galega.
Alumnos e alumnas de primeiro de ESO, ademais, celebraron un primeiro posto ben merecido no torneo de rugbi que se viña disputando durante varias semanas entre centros educativos do Salnés, cun equipo formado nas clases de educación física.
Así mesmo, as nenas e nenos de sexto de primaria participaron na clausura do programa “Depoemprende na escola” celebrado en Vigo, que aposta por fomentar a cultura do emprendemento entre os máis pequenos. Coa cooperativa que constituíron o pasado ano, mediante a que colaboran co refuxio de animais de Cambados, os rapaces montaron un posto no mercadiño situado ao longo da rúa Príncipe. Camisetas, lapis, bonecos ou imáns, foron algúns dos obxectos realizados por eles mesmos con materiais de refugallo que puxeron á venda. Parte dos beneficios obtidos destinaranse a axudar ao refuxio, mentres que o restante estará dedicado á excursión de fin de curso dos nenos.
Por último, varios cursos visitaron durante a xornada de onte o “Muíño de Chantada”, situado na Ruta da Pedra e da Auga ao seu paso por Ribadumia. Alí, ademais de aprender o funcionamento do aparello de mans do propio muiñeiro, participaron na gravación dunha reportaxe para o programa Galicia Viva.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.