O CSIC convoca o concurso escolar de debuxo “Conservación da Natureza”

O prazo de envío está aberto ata o 9 de novembro
Publicado por o día 10/10/2018 na sección de CSIC

O CSIC convoca o concurso escolar de debuxo “Conservación da Natureza”

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), promove o concurso escolar de debuxo “Conservación da Natureza” coa colaboración de Sociedade de Ciencias de Galicia, o Liceo Casino de Pontevedra, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Deputación de Pontevedra) a través da Unidade Asociada á MBG “Sistemas Agroforestais” e ENCE-Enerxía e Celulosa.

Poden participar os escolares de entre 6 e 11 anos con debuxos que estean directamente relacionados coa natureza en xeral e a súa conservación en particular.

O prazo de presentación está aberto ata o 9 de novembro e os debuxos deben enviarse ou presentarse en sobre pechado no Liceo Casino de Pontevedra (C/ Manuel Quiroga, 21, 36002. Pontevedra).

Todos os debuxos mostraranse no Liceo Casino durante a Semana da Ciencia (19-23 de novembro) e un xurado, composto por representantes das entidades promotoras, unha docente da área de ciencias e un artista plástico, escollerá dez debuxos finalistas por categoría (6-7 anos; 8-9 anos e 10-11 anos).

De entre os dez debuxos finalistas adxudicarase un primeiro e un segundo premio. Ademais, outorgarase un premio especial aos concursantes dos municipios de Pontevedra, Marín e Poio por cada categoría. Os premios consisten en bonos trocables por material de debuxo ou librería.

O fallo do xurado farase público o 23 de novembro ás 19.00 horas nun acto aberto ao público xeral no Liceo Casino.