Pór en valor a figura da e do responsable de comunidades virtuais e facelo ademais a través de profesionais formadas e formados na propia Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Eses son os dous obxectivos que conflúen no Día das Redes Galegas, unha xornada dedicada a abordar a importancia das redes sociais na comunicación do século XXI, así como a propia figura das e dos community managers, que se desenvolverá neste centro o vindeiro mércores 25. “Trátase dun sector moi dinámico, que cambia constantemente, que supón unha saída laboral moi puxante hoxe en día e no que xa están traballando un bo número dos egresados e egresadas deste centro”, sinala o profesor Xavier Martínez Rolán, organizador dunha xornada que conta co apoio da facultade, a Vicerreitoría do campus, a Área de Normalización Lingüística da Universidade (ANL) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Partindo desa idea, este evento achega un ano máis como conferenciantes a tituladas e titulados desta facultade. Así, entre os relatores figura a titulada Lucía Gómez, directora de márketing de contidos e medios sociais de Elogia, “unha profesional cunha dilatada experiencia na xestión de redes sociais que traballa nunha das empresas máis punteiras do estado”; xunto con Cristina García, responsable de comunicación e márketing dixital en Esmerarte Industrias Creativas, “especialista en redes sociais e en comunicación de eventos musicais”, como explica Rolán. Completa a relación de egresados que “retornan á súa casa” nesta xornada Jorge Medal, redactor e guionista de formatos televisivos, que, como explica o director da xornada, “participou entre outros no desenvolvemento dun formato que tivo moito éxito a través de redes sociais como foi a última edición de Operación Triunfo, polo que pode contarnos a experiencia de como se traballa por detrás e se dinamizan os contidos”.
Xunto a estas tituladas e este titulado, o Día das Redes Galegas contará tamén coa participación de Cristina Rodríguez, técnica de normalización lingüística da ANL, que abordará neste evento a experiencia de Youtubeir@s, un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, nove concellos e a Deputación da Coruña e dirixido a dar visibilidade ao uso do galego a través dun concurso nesta rede social.
Un coloquio bidireccional
Segundo explica Martínez Rolán, o Día das Redes Galegas, aberto a todo o público interesado, manterá o formato de edicións anteriores, de tal xeito que trala súa inauguración, prevista para ás 10.00 horas, cada conferenciante falará da súa experiencia en proxectos para, por último, completar a xornada cun coloquio, moderado polo profesor Alberto Dafonte. “Non podemos falar de redes sociais sen ter en conta a bidireccionalidade da comunicación”, sinala nese senso Martínez Rolán, dun evento no que tamén se promoverá o debate a través da rede social Twitter, co hastag #redes galegas, e que será retransmitido por UVigo TV.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.