A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués en Conxo, no Concello de Santiago.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://goo.gl/y26qWW
O orzamento estimado desta intervención no barrio histórico de Conxo no ámbito do Camiño de Santiago suporá un investimento de 2,1 millóns de euros, nos que preto de 75.000 euros se destinan ao pagamento das expropiacións dos 7 predios necesarios para esta actuación.
Esta intervención avanza na estratexia da Xunta para optimizar as entradas na capital de Galicia das diferentes rutas xacobea, dotándoas dunha imaxe de identificación internacional común. Trátase de acadar que no vindeiro ano santo do 2021 o Camiño sexa claramente visible e identificable nas zonas urbanas da capital de Galicia, favorecendo o tránsito dos peregrinos sobre o tráfico rodado, así como a posta en valor e desfrute dos espazos polos que transcorre.
Intervención no núcleo de Conxo de Abaixo
A estratexia de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués supón a reordenación do itinerario da ruta xacobea no núcleo de Conxo de Abaixo, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos, entre a glorieta coa SC-20 ata a rúa da Escurridía. Tamén a actuación é importante para os veciños do lugar.
Entre as principais intervencións previstas neste barrio histórico compostelán cabe salientar a actuación singular na praza fronte ao mosteiro de Santa María, para darlle unha dimensión máis humana ao espazo público, restrinxindo o tráfico de subida para residentes e transporte público. O obxectivo, dotar a este barrio compostelán dunha zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que disporán da súa pequena praza do Obradoiro.
A intervención nesta praza despexará a entorna coa fin prioritaria de propiciar unha grande praza, homoxénea e continua. Para iso, o proxecto unifica o nivel das dúas entradas principais do mosteiro, a da igrexa e a do hospital. Configúrase unha praza, que se estende ata o centro social, a escola infantil e centro de saúde.
Mantéñense os plátanos actuais e o cruceiro na súa actual situación, pero despéxase o resto da praza o que permite poñer en valor a fachada do mosteiro. Reordénanse as prazas de carga e descarga e a parada do autobús, e se incorpora mobiliario urbano. O pavimento será homoxéneo e se estenderá ata os rueiros veciños.
Xa fóra da praza, reordénase a sección da rúa Benéfica para asegurar un paso mínimo de 3 m para o tránsito do peregrino, configurándose unha senda na que se disporá novo arborado. Na Travesía de Torrente ata a rúa da Escurridía, o proxecto considera o mantemento xeral da sección e o pavimento existente, reparando o danado ou inadecuado.
En canto ao tráfico, restrinxirase a circulación na praza do mosteiro de Conxo no sentido de subida, salvo para o autobús urbano e residentes. Esta solución foi tratada cos veciños e coa empresa máis importante da zona.
Esta actuación enmárcase no proxecto da Xunta para mellorar as entradas dos Camiños de Santiago á cidade de cara ao Xacobeo 2021.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.