Xurdida como unha homenaxe ao artista británico David Hockney, considerado un dos nomes de referencia do pop art, Debut 2017 permitiu ver por primeira vez sobre a pasarela Me compré unha postal de David Hockney, a colección que constituía o traballo de fin de estudos da egresada de Esdemga Melania Freire. Unha versión ampliada deste proxecto poderá verse o vindeiro xoves 24 de xaneiro sobre a pasarela da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, despois de que o seu proxecto fose un dos sete seleccionados para desfilar no Samsung Ego, a plataforma para novos talentos da antiga pasarela Cibeles na que os estudos que se imparten na Facultade de Belas Artes volven estar representados, un ano máis, por un proxecto nacido inicialmente nas aulas de Esdemga.
“É unha oportunidade fantástica”, sinala Freire da súa selección para o desfile que abrirá a edición número 69 da Fashion Week e no que a súa colección compartirá protagonismo coas de 404 Studio, Mikel Colás, MadridManso, Anel Yaos, Cherry Massia e Reveligion, así como coa colección gañadora do concurso Samsung Ego Innovation Project e coa deseñadora internacional Zukana Kubickova. Deseñadores e deseñadoras que optarán nesa xornada ao premio Mercedes-Benz Fashion Talent, que en 2016 obtiña a titulada en Esdemga Elena Rial. Como unha “nova moi positiva” para a titulación, actualmente o mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, destacaba tamén a directora destes estudos, Lola Dopico, a selección de Freire, “unha persoa cunha traxectoria moi sólida, con moito potencial e da que creo que imos escoitar falar moito nun futuro”, para esta pasarela.
Nacida como o seu proxecto de fin de estudos, Freire estreará na pasarela unha versión ampliada dunha colección que, recoñece, “constituíu un gran desafío a nivel creativo e persoal”. Nese senso, explica que nos meses seguintes á presentación do seu proxecto de fin de estudos, continuou traballando pola súa conta na colección, o que “axudou moito” á hora de facer fronte ao maior número de estilismos que require o Ego, “aínda que sempre é preciso engadir detalles para dar coherencia ao conxunto”. Non obstante, esta deseñadora recoñece tamén que, pese a que “desde que comezas a explorar o concepto a partires do cal crecerá a colección ata que o proxectas nas prendas que conforman a mesma, exploras moitas vías”, as ideas e inspiracións que se engloban na proposta que levará a Mercedes-Benz Fashion Week Madrid “son moi similares” ás que a finais de 2017 exhibía no Pazo da Cultura de Pontevedra na décimo primeira edición de Debut. “Cambia a perspectiva que achega o paso do tempo e que fai que poidas ver o conxunto e posicionarte fronte a el”, engade Freire, quen recoñece a oportunidade que agora supón poder amosar “nun contexto máis que idóneo” o resultado final dun proceso “ao que lle dedicaches moito tempo, esforzo e ganas e onde ao final se ve reflectido o camiño que fun percorrendo desde os meus estudos en Belas partes, pasando por Esdemga e ata a actualidade”.
Unha homenaxe xurdida da propia vivencia
Graduada en Belas Artes ademais de titulada en Esdemga, Freire combinou a súa actividade profesional como deseñadora coa súa participación en diversas exposicións, a súa colaboración nos departamentos de arte de filmes como Longa noite, de Eloy Enciso ou Aquilo que arde, de Oliver Laxe ou coa súa participación no proxecto de investigación Design, Fashion and Future Lab, do grupo de investigación DX7 da Facultade de Belas Artes. O punto de partida da colección que levará a Cibeles foi neste caso a súa propia visita a unha retrospectiva dedicada a Hockney na Tate Britain de Londres. De feito, o seu proxecto tomaba como inspiración tanto a traxectoria deste artista, “como a Tate como institución e á maneira en que comunica a arte” e a propia experiencia das persoas que a visitan, a través dos debuxos que no seu día realizara “dos visitantes que compartían sala comigo na exposición”.
“É unha homenaxe ao pensamento artístico e ao xeito de comunicalo”, sinala dunha colección que define “como unha gran pintura apropiacionista”, na que os estampados das prendas constitúen reproducións, “pequenos anacos pintados a man sobre o tecido”, dos cadros de piscinas que Hockney realizara na súa etapa en Los Ángeles na década de 1960, e que a deseñadora presenta nesta colección “fragmentados e dispostos en paneis superpostos”. Mais ao mesmo tempo, a súa proposta entrecruza tamén “tres miradas”, a que se centra nas pinturas do artista e na súa “maneira de representar a vexetación, a auga, a luz directa do mediodía…”; coa do propio espectador, a través de “referencias ao branding do propio museo”, e unha terceira ollada que se centra na propia “imaxe persoal de Hockney como icona”, nas súas gabardinas, gravatas e camisas.
Un cadáver exquisito
Ademais de Freire, a tamén titulada en Esdemga Sheila Pazos estará presente na Fashion Week Madrid, no seu caso no showroom que se desenvolverá entre os días 24 e 28. Na súa segunda presenza neste espazo de exhibición e venda, Pazos, que previamente presentara tamén no Ego a colección coa que gañou Debut 2015, estreará a súa nova colección Cadavre Exquis, desenvolvida a partires da súa selección no Programa de Creación de cómic, ilustración e deseño do Injuve e que nesas mesmas datas formará parte tamén da exposición promovida por este instituto no Museo das Artes Decorativas de Madrid. “É unha colección experimental que se basea no proceso do cadáver exquisito”, unha técnica pola que diferentes persoas van debuxando unha parte dun corpo sen coñecer o que fixo a anterior, “na que sigo xogando co tema do surrealista e o absurdo”, explica Pazos da que foi unha das 15 propostas seleccionadas para un espazo que, sinala, constitúe “un grande escaparate á hora de contactar coa xente do sector en España”, así como para ter “un contacto directo co público”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.