“Todo comezou o 30 de novembro de 2007 cunha primeira chamada dunha exalumna da Universidade de Vigo para convidarnos a participar no que sería a primeira experiencia espacial da Universidade de Vigo”. Así lembrou este xoves o profesor e investigador Fernando Aguado, director da Agrupación Aeroespacial, os inicios do que denominou a “aventura espacial da Universidade de Vigo”, unha historia que arrancou con forza en febreiro de 2012 co lanzamento do picosatélite Xatcobeo, continuou co Humsat-D en novembro de 2013, co Serpens en agosto de 2015 e que agora se consolida co exitoso lanzamento de LUME-1, o cuarto satélite lanzado ao espazo pola Universidade de Vigo, unha especie de vixía automático dotado con tecnoloxía punteira para loitar contra os incendios forestais.
Cos mesmos nervios e emoción que naquela ocasión, “pero tamén con toda a bagaxe que che dá toda a experiencia adquirida ao longo destes anos”, os e as investigadoras da Agrupación Aeroespacial reuníronse ás tres da madrugada nunha sala de reunións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para seguir en directo o lanzamento, lanzamento que, nesta ocasión, se realizaba a bordo dunha nave Soyuz na base espacial rusa de Vostochny, en Siberia. “Todo foi segundo o previsto, todo correcto”, explicou horas despois o profesor Fernando Aguado nunha rolda de prensa que comezou con palabras de lembranza e agradecemento para o profesor José Antonio Vilán, exvicerreitor de Transferencia e primeiro comisionado do reitor para o Vigo Tecnolóxico que segue convalecente logo de sufrir un grave accidente de tráfico en marzo de 2016.
No primeiro pase houbo aplausos e un pequeno brinde
Xunto a Aguado compareceron ante os medios de comunicación a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e Diego Nodar, exalumno da escola que formou parte desta “aventura” desde os seus inicios e que asistiu como cofundador da empresa Alén Space, spin-off da Universidade de Vigo que se presentará nas vindeiras semanas e a través da cal se transferirá á industria todos os avances tecnolóxicos acadados nestes anos. Os tres asistiron tamén ao primeiro pase do satélite por Vigo, pasados apenas un cuarto de hora das 11.00 da mañá na estación de control da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde puideron comprobar que todo ía segundo o agardado, “batería cargada, antenas despregadas, todos os comandos en funcionamento…”. Houbo aplausos e, como xa vén sendo tradición, un pequeno brinde co que dar os parabéns “a todos cantos fixeron posible un novo fito histórico”.
Na rolda de prensa posterior tanto Aguado como Rubio e Nodar amosáronse “tremendamente orgullosos” do éxito acadado e moi ilusionados coa posibilidade de sacar “o máximo proveito posible” a toda esta tecnoloxía “desenvolta en Galicia pero que conta coa calidade suficiente para poder ser exportada a calquera parte do mundo”.
Un sistema de comunicacións con baixo custo e cobertura global
Inserido no proxecto FireRS de loita contra os lumes forestais, financiado pola Unión Europea con máis de dous millóns de euros e no que ademais da Universidade de Vigo participan a Universidade de Porto e o CNRS francés, LUME-1, é un satélite cubesat tipo 2U, cunhas dimensións 20 x 10 x 10 e un peso de 2,1 quilogramos. Aproximadamente cara hora e media dará unha volta completa á terra –cada día haberá un total de entre catro e seis pases polo campus de Vigo- e súa misión fundamental será dar soporte de comunicación bidireccional a sensores de terra que detectan lume, desenvolvidos polo grupo Cima da Universidade de Vigo, así como prover unha conexión cos avións non tripulados, UAVs, deseñados na Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto.
A idea é que a través de sensores -que son como vixías automáticos que se colocan en emprazamentos elevados e que teñen un software que pode detectar un radio de ata dous quilómetros de altura- se poida detectar o comezo dun potencial fogo. “Ao momento esta información recollerase no satélite LUME, que automaticamente o notifica ao centro de control de fogo, onde este datos se actualizan con información sobre a evolución previsible das chamas. Todo dun xeito absolutamente automático”, explicou Aguado, que fixo fincapé en que LUME-1 permitirá o contacto permanente tanto cos sensores como cos avións non tripulados. “É un sistema de comunicación que estará en todo momento á disposición das autoridades encargadas da loita contra o fogo”, recalcou Aguado, quen deixou a porta aberta á posibilidade de integrar novos satélites nesta rede e tamén vehículos autónomos dotados de sensores que permitan incrementar aínda máis a eficacia do sistema. “No futuro imos ter tamén capacidade de monitorización de avións e, incluso, de monitorización do propio espectro, un ben tremendamente prezado na actualidade”, explicou Aguado.
Alén Space transferirá ao mercado a tecnoloxía desenvolvida na UVigo
Lembrando tamén o lanzamento do Xatcobeo, a vicerreitora de Investigación puxo en valor nesta rolda de prensa o traballo do equipo que coordina Aguado e que contribuíu a facer da Universidade de Vigo “un referente na construción e posta en órbita” de pequenos satélites. “O que hai anos fora un fito histórico, hoxe xa é unha traxectoria”, salientou Rubio, quen puxo en valor o “traballo multidisciplinar” como un dos factores do éxito do Lume-1, á vez que o “carácter didáctico” dun proxecto que permitiu a estudantes de diferentes enxeñarías “seguir todo o proceso e aproveitar todo o que ven nas clases nun proxecto real”. Así mesmo, a vicerreitora valorou tamén esta iniciativa como “un verdadeiro exemplo de transferencia do coñecemento”, ao estar ligado este lanzamento ao nacemento dunha nova empresa, a spin-off Alén Space, xurdida da propia Agrupación Aeroespacial.
Diego Nodar interviú pois non só como cofundador deste novo proxecto empresarial, senón tamén como exalumno e investigador ligado a agrupación desde os seus inicios. “Foron dez anos de moitos esforzos nos que fomos capaces de crear o noso propio oco no mundo dos pequenos satélites”. Nodar lembrou nese senso a celebración en Vigo hai apenas uns mes do evento New Space España, “no que conseguimos traer ata aquí a toda a industria espacial española”, e sinalou nese senso que a culminación a esa década de traballo foi a creación de Alén Space, que ten como obxectivo “comercializar toda a tecnoloxía” desenvolvida nos últimos anos no deseño destes satélites, proxecto para o que, ademais de coa Universidade, contaron tamén co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) a través do seu programa Ignicia. Neste senso, apuntou Nodar, o proxecto Fire-RS contribuirá a “validar en órbita” unha tecnoloxía para a que “comezan a aparecer oportunidades comerciais” e que esta spin off intentará levar ao mercado co propósito de “crear oportunidades de emprego estables a longo prazo e crear industria” en Vigo arredor dos pequenos satélites, un campo en expansión, lembrou, como amosa o dato de que nos próximos cinco anos está previsto o lanzamento ao espazo de preto de 1500 nanosatélites.
Probas piloto con fogos controlados
Con este lanzamento culmina o traballo que durante máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo: 10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en tarefas de coordinación. “Todos os estudantes e investigadores que participan no proxecto FIRE-RS pertencen ás escolas de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación e Informática, que son o núcleo do Agrupación Aeroespacial”, detallou Fernando Aguado, quen lembrou que nos meses previos a este lanzamento o satélite completou durante meses un esixente calendario de probas, incluídas as de aceptación de todos os subsistemas, así como a verificación do satélite a nivel do sistema.
Nos vindeiros meses levaranse a cabo novas probas de comprobación do sistema, incluídas varias probas piloto con fogo real, para o que se contará coa colaboración da Axencia Galega de Emerxencias e d Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, que está a ser o encargado de testar as tecnoloxías desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, a través de varios simulacros parciais e un final con lume real e controlado.
Imaxes en vídeo na estación de seguimento e rolda de prensa posterior
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.