O Festival Internacional Kerouac Nova York falará galego na terceira edición que se desenvolverá do 3 ao 8 de abril e que consolidará este evento no que a poesía toma as rúas para mesturarse con outras artes, nomeadamente coa música e coa performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética. E farao co apoio da Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tal e como anunciaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral, Valentín García, e un dos responsables do festival, Malvares de Moscoso.
“O Festival Kerouac de Vigo chega por terceira vez a Nova York e, da súa man, fano a lingua e a cultura galegas para visibilizarse e proxectarse internacionalmente neste evento que se dá cita arredor da palabra e da poesía, da música, da pintura, da performance ou do teatro”, destacou García Gómez.
Representación galega
A representación galega na III edición do Festival Internacional Kerouac NYC correrá a cargo de Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López, Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez (os dous últimos, responsables da empresa organizadora, Culture Lovers S.L.).
Aínda que as seis citas que configuran o cartel do festival ao longo de seis días inclúen presenza galega, Galicia terá un protagonismo especial no encontro previsto para o sábado 7 de abril na Casa de Galicia de Nova York, no que participarán exclusivamente catro galegos: Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López e Marcos de la Fuente. Toda a información na seguinte ligazón.
O latexo poético do século XXI
O Festival Internacional é un evento que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril. A súa inspiración é a Xeración Beat e a súa finalidade a de levar a poesía ás rúas e mesturala con outras artes, nomeadamente coa música e coa performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética.
Nesta súa terceira edición amplíanse a seis os espazos e sedes na Gran Mazá, no que será o ano da definitiva consolidación do Festival en EUA, cos obxectivos de presentar a poesía como unha ponte que une países, cidades, continentes e artistas e que elimina fronteiras; irmandar as dúas linguas máis importantes de Nova York (inglés e español) coa galega; poñer en valor a creación poética e a palabra en todos os seus rexistros e contextos artísticos e ofrecer os seus espazos de intervención como territorio do latexo poético do século XXI.
O evento conta co apoio da Consellería de Cultura, canda outros coma os do Bowery Poetry Club e o NYC Ferry neoiorquinos, o dos Haiku Guys + Gals ou o do Consulado de España en Nova York.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.