O Geaat volverá a escavar no Castro de Armea en xullo

O alumnado interesado xa pode inscribirse para participar na intervención
Publicado por o día 29/05/2019 na sección de Ourense,Galicia,Universidade de Vigo

O Geaat volverá a escavar no Castro de Armea en xullo

O pasado 20 de maio, a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz renovaron por catro anos máis o convenio de colaboración entre as dúas institucións para o estudo e valorización do patrimonio arqueolóxico deste concello a cargo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) do campus de Ourense. Ao abeiro desta iniciativa, as e os arqueólogos volverán en xullo á ‘Cibdá’ romana ou Castro de Armea para continuar afondando no coñecemento deste enclave, considerado polos responsables do proxecto “un referente para a arqueoloxía galega e peninsular”. O alumnado interesado xa pode inscribirse para participar na intervención.

Dúas zonas de traballo

A ‘Cibdá’ ou Castro de Armea, lembran desde o Geaat, é un xacemento único de orixe romana situado no Concello de Allariz, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. Trataríase “dunha auténtica cidade romana”, rica e de prestixio segundo os restos atopados ata o momento, que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. “O obxectivo nesta campaña será rematar a escavación na finca da Atalaia, na que vimos intervindo dende 2014, e volver a intervir na zona onde se atopou o que chamamos tesouro pétreo de Valvís, xa que o ano pasado non foi posible rematalo”, explican desde Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio. Ademais, a campaña de 2019 tamén contempla, como en anos anteriores, tarefas de conservación-restauración e de divulgación.

Os traballos que se levarán a cabo, financiados polo Concello de Allariz, permitirán dar continuidade á campaña levada a cabo en 2018. Esa campaña rematou deixando descuberta case na súa práctica totalidade a zona da atalaia, de arredor de 2000 metros cadrados, estando só pendente a escavación dalgún pequeno espazo ou de posibles capas inferiores ás xa descubertas. Precisamente nos traballos realizados nesta atalaia, sacando o recheo dunha das zonas que nos anos 50 Francisco Conde-Valvís escavou e logo volveu a cubrir, o equipo atopou o pasado ano o que chamaron o tesouro pétreo de Balvís. Baixo un dos muros da finca localizaron varias bases, capiteis e fustes de columnas, varias partes de muíños e unha roseta que Conde-Valvís, ao contrario do que fixo con outros achados cando escavou o xacemento, non rexistrou nin trasladou ao Museo Arqueolóxico de Ourense senón que depositou e cubriu alí. Na campaña de 2019, as e os arqueólogos volverán a escavar nestes dous enclaves.

Curso de arqueoloxía

Na intervención arqueolóxica que se celebrará en xullo participará como en edicións anteriores un equipo de arredor de 20 persoas lideradas polos profesores da Facultade de Historia do campus de Ourense e membros do Geaat Fermín Pérez e Adolfo Fernández. O alumnado interesado en participar na intervención arqueolóxica pode inscribirse ata o 15 de xuño, lembrando desde o Geaat o elevado número de solicitudes que reciben cada ano tanto desde universidades estatais como foráneas. Esta elevada cifra, que supera o centenar, débese, apuntan desde a organización, ao feito de que a intervención ten para as e os estudantes participantes un enfoque de curso arqueolóxico, mesturándose o traballo no xacemento pola maña con prácticas de traballo de laboratorio e visitas a enclaves da contorna pola tarde. As persoas interesadas poden solicitar unha praza para a primeira ou segunda quincena de xullo, tendo preferencia na concesión o alumnado de Arqueoloxía e Historia.