O Goberno de Carmela Silva revalida a súa aposta polo turismo de natureza, sostible e desestacionalizado cunha nova edición de “Voando nas Rías Baixas”

O programa, que comeza o 26 de xaneiro e se estenderá ata o 21 de xuño, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica da enseada de San Simón, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, o esteiro do Río Miño e a Ramallosa, as Brañas de Xestoso e a Serra do Suído
Publicado por o día 10/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela Silva revalida a súa aposta polo turismo de natureza, sostible e desestacionalizado cunha nova edición de “Voando nas Rías Baixas”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, e do coordinador de SEO Birdlife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou a terceira edición de “Voando nas Rías Baixas“, un programa que a través de cinco rutas guiadas permitirá ao público coñecer de xeito gratuíto a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. “O respecto ás aves e ás contornas onde se desenvolven é unha aposta moi firme deste goberno, e moito máis nesta provincia, onde temos uns espazos marabillosos”, destacou a presidenta.

Carmela Silva salientou que estas actividades “son un elemento de atracción dese turismo de natureza, sostible e respectuoso co medio ambiente que queremos promover”. Neste eido, “Voando nas Rías Baixas” trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con estas visitas, “daremos a coñecer o gran potencial da nosa provincia para a observación de aves en paraxes espectaculares e, ao mesmo tempo, sensibilizaremos á veciñanza sobre a necesidade de protección destes espazos”, subliñou Silva quen aproveitou a ocasión para animar á xente a formalizar a inscrición nas rutas no momento de apertura do prazo “xa que se esgotan en menos de 24 horas”.

Pola súa banda, Gustavo Ferreiro amosou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra xa que “en Galicia non estábamos traballando con ningunha administración ata que comezamos a facelo coa Deputación de Pontevedra”. Ferreiro salientou a aposta do goberno de Carmela Silva polo medio ambiente e a programación desta iniciativa “que permite que a xente se sensibilice coa natureza, así como coñecer a través das aves territorios que temos cerca cun altísimo valor ecolóxico, ao tempo que se conciencian coa súa conservación”. Así, tal e como explicou a presidenta provincial, levaranse a cabo cinco excursións cun máximo de 25 participantes, “non deben ser grupos moi numerosos debido a que é unha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza e nós respectamos os hábitats e as aves”, asegurou Silva.

A primeira das rutas terá lugar o 26 de xaneiro para observar aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón, zona protexida pola Rede Natura 2000. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese este luns, 13 de xaneiro, e rematará o día 22.

O próximo mes de febreiro, o día 16, terá lugar a ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, espazo protexido pola Rede Natura declarado humedal de importancia internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo de inscrición para participar nesta ruta na que destacan as aves acuáticas invernantes estará aberto do 3 ao 12 de febreiro.

A terceira das rutas será o 8 de marzo polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta estará aberto entre o 24 de febreiro e o 4 de marzo.

A cuarta excursión desenvolverase o 31 de maio nas Brañas de Xestoso, tamén zona protexida pola Rede Natura na que se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia cobreira. O prazo de inscrición será entre o 18 e o 27 de maio.

E, por último, a quinta ruta terá lugar na Serra do Suído o 21 de xuño para observar as grandes rapaces como o voitre leonado, aguia calzada, abelleiro europeo, aguia cobreira ou miñato. Para participar nesta ruta ornitolóxica haberá que inscribirse entre o 8 e o 17 de xuño.

En todos os roteiros disporase de material para a observación das aves e de guías de SEO-Birdlife que achegarán aos participantes toda a información sobre onde localizar as aves e as súas características. As e os interesadas/os en participar en cada unha das cinco propostas de “Voando nas Rías Baixas” deberán cubrir, no prazo indicado en cada unha das rutas, un formulario habilitado na páxina web da Deputación.

Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico

A Deputación de Pontevedra terá presenza cun stand na Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico, que se celebrará no Parque Nacional de Monfragüe do 28 de febreiro ao 1 de marzo. Trátase dun espazo destinado a viaxes e turismo no que se fará promoción dos lugares de observación de aves da provincia e no que se impulsará un turismo sostible, desestacionalizado e baseado na conservación do patrimonio natural. No stand tamén se repartirán guías das aves da provincia.