O goberno de Vigo repartirá outras 20.000 máscaras nos mercados municipais

Ante as novas restricións decretadas pola Xunta ata o día 17, o alcalde anunciou este venres novas entregas gratuítas de máscaras faciais nas prazas de Cabral, Progreso, Teis, Calvario, Travesas, Berbés e Bouzas, os dous primeiros sábados de febreiro. Ademais, Vigo presta apoio loxístico e policial ao cribado que comeza este venres no IFEVI.
Publicado por o día 29/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo repartirá outras 20.000 máscaras nos mercados municipais

Abel Caballero explicou que a cidade entregará outras 20.000 máscaras faciais de forma gratuíta á cidadanía, que serán repartidas en sobres de catro unidades os sábados 6 e 13 de febreiro, desde as 10 horas, nos mercados de Cabral, Progreso, Teis, Calvario, Travesas, Berbés e Bouzas.

Trátase dunha nova remesa de elementos de protección que Vigo recibe do Goberno de España e que elevarán a 315.000 o total de máscaras distribuídas polo Concello desde o inicio da crise sanitaria. O alcalde anotou que a administración que dirixe dispón doutras 20.000 unidades para prolongar o reparto na segunda quincena de febreiro.

Ademais, e tamén en función das novas medidas adoptadas pola Xunta e en vigor desde o pasado 27 de xaneiro, o goberno de Vigo pechou o centro de recepción ao visitante e tamén os espazos de dinamización infantil de Coia e da Casa da Xuventude. Por outra banda, e coa hostalería cerrada por orde autonómica, os asesores Covid pagados polo Concello ampliarán a súa formación durante estas semanas.

Cribado

O IFEVI acolle ata o 3 de febreiro un cribado masivo ao que serán convocadas máis de 20.000 persoas e o Concello de Vigo está prestando o seu respaldo para o correcto funcionamento do operativo. Segundo indicou Caballero este venres, axentes da Policía Local están apoiando á organización no tráfico, nos estacionamentos e nos accesos ás naves, e se programa un reforzo da liña 9A de autobús urbano, que dá servizo tanto ao aeroporto como ao recinto feiral de Cotogrande.

“A nosa cooperación coa autoridade sanitaria é total e absoluta”, asegurou o alcalde, quen revelou que a administración local ten unha solicitude de POVISA para estacionar no entorno de Balaídos unha unidade na que facer estas probas á cidadanía, unha petición que será valorada e aceptada: “A nosa facilidade para todo aquelo que teña que ver coa loita contra o Covid”, concluíu Caballero.