A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), veñen de resolver a formalización de 100 contratos predoutorais para científicos e científicas que desenvolvan o seu labor de investigación nas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG), e, deste xeito, garantir a súa formación inicial nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i cunha duración de tres anos
O Goberno galego destina un total de 8,1 millóns de euros (un 7,5% máis con respecto a anterior convocatoria) ao financiamento destes contratos ata 2023, que teñen como principal obxectivo seguir dotando o sistema de estabilidade e impulsando a súa excelencia. A modalidade A desta convocatoria no ámbito das universidades do SUG está cofinanciada polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020. A resolución, que se pode consultar no Portal educativo, publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.
O programa de contratos predoutorais fomenta a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador. Ademais, permite que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.
Dos 100 contratos predoutorais concedidos, 57 correspóndense coa modalidade A. Estas axudas -dotadas con 25.000 euros anuais por contrato desde este ano ata o 2023- están enfocadas a potenciar as traxectorias de investigación vinculadas ás áreas estratéxicas segundo os obxectivos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3, para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable a través da innovación, e que orientarán as políticas de cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020.
As 43 axudas restantes -cun importe de 22.900 euros anuais por investigador- correspóndense coa modalidade B, que busca garantir a representación de todas as ramas do coñecemento, establecendo no ámbito das universidades do SUG un número de prazas para aquelas áreas que se atopan con máis dificultades de encaixe directo nos sectores produtivos, pero que resultan fundamentais para o crecemento sustentable dunha economía baseada no coñecemento.
Ademais, todos os contratos das persoas investigadoras que o solicitaron inclúen estadías de tres meses de duración no estranxeiro cun importe máximo, a maiores, de 6.000 euros, en función do destino.
Por universidades, do total de contratos, 20 formalízanse coa Universidade da Coruña (UDC), 52 coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e 18 coa Universidade de Vigo (UVigo). A maiores o resto dos contratos serán coa Fundación Biomédica Galicia Sur (1), co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (3), coa Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (4) e coa Fundación Profesor Novoa Santos (2).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.