O goberno local de Gondomar avanza os trámites para poñer en marcha as obras do Polígono da Pasaxe

Publicado por o día 13/01/2021 na sección de Gondomar,Galicia

O goberno local de Gondomar avanza os trámites para poñer en marcha as obras do Polígono da Pasaxe

Un total de oito empresas optan á execución dos traballos de urbanización da Fase II do Polígono Industrial da Pasaxe en Gondomar, por un prezo de saída de 3,4 millóns de euros e outras catro presentaron ofertas para a dirección de obras, presupuestados en torno 50.000 euros máis ive, tras finalzar o prazo de presentación das distintas propostas.

Este martes procedeuse, de forma telemática, á apertura dos sobres para valorar as distintas ofertas. O alcalde, Paco Ferreira, confía en que tras este primeiro paso a supervisión e a execución dos traballos poidan quedar adxudicados ao longo deste mes “a condición de que non xurda ningún imprevisto”.

Os prazos que se manexan, nun principio, é que os traballos -cun prazo de execución de 15 meses e financiados coa fórmula de cooperación entre os integrantes da asociación de empresarios da Pasaxe- poidan arrincar en marzo.

Cúmprese así un dos obxectivos nos que traballou sen descanso e firmemente o goberno que preside Paco Ferreira: regularizar a situación do polígono enquistada dende fai máis de medio século, logrando a finais do 2019 o primeiro paso coa aprobación do proxecto de reparcelamento e equidistribución de cargas e beneficios.

Agora, por diante, as obras que dotarán a esta zona industrial de iluminación pública, remodelación de viais, construción de beirarrúas e a dotación de conexións de saneamento e abastecemento así coma a construción de beirarrúas.

“Unha primeira fase que forma parte dun proxecto máis ambicioso que quere converter -lembra o alcalde Paco Ferreira- o noso parque industrial nun referente do Sur da provincia de Pontevedra”. Lembrou que queda por diante a segunda fase, na que se contará coa colaboración da Zona Franca de Vigo, e que supoñerá unha ampliación da Pasaxe en 200.000 metros cadrados, pasando a súa superficie para triplicar a actual con 600.000 metros cadrados.

Paco Ferreira confía formalizar nos próximos días o convenio entre o concello de Gondomar e o Consorcios estatal polo que se fará cargo do financiamento e execución da segunda fase, cun investimento de 30 millóns de euros.