O Grupo de Tecnoloxías da Información participa en Barcelona no Mobile World Congress

Na feira tamén conta cun posto propio a empresa Ancora, spin-off da Universidade de Vigo
Publicado por o día 26/02/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Grupo de Tecnoloxías da Información participa en Barcelona no Mobile World Congress

Grupo de Tecnoloxías da Información, integrado en atlanTTic, participa esta semana en Barcelona no Mobile World Congress –MWC-, epicentro mundial dos principais avances en tecnoloxía móbil e conectividade e que este ano ten como grandes protagonistas os móbiles pregables e o 5G, tecnoloxía que empezaba a dar os primeiros pasos na anterior edición e da que agora se poden amosar xa casos reais de aplicación e servizos, demostrando a súa capacidade para cambiar a sociedade.

“Nós levamos anos traballando no marco das tecnoloxías 5G, que este ano son as grandes protagonistas do Mobile, polo que non podiamos perder a oportunidade de estar aquí”, explica Felipe Gil, investigador que encabeza a delegación da Universidade de Vigo nun congreso que este ano prevé superar os 100.000 asistentes procedentes de máis de 200 países.  Esta é para eles a segunda vez que participan neste evento, xa o fixeron na edición anterior formando parte do stand da empresa Cellnex Telecom -principal operador europeo de infraestructuras de telecomunicacións sen fíos-, expondo os resultados dun traballo no que colaboraron con eles. Agora, de novo, volven compartir espazo.  “Este ano avanzamos máis neste proxecto, un traballo que se insire precisamente en todo o que son as tecnoloxías de telecomunicación 5G”, apunta Gil, ao tempo que recalca que o labor do grupo GTI se centra en facer as redes máis flexibles e máis dinámicas. Trátase, segundo explica, de que as redes se poidan reconfigurar cando non satisfán os requisitos de latencia ou de capacidade  que está demandando o usuario/a. “Utilizando diferentes técnicas o que facemos é reconfigurar a rede en tempo real dunha forma intelixente para que sexa capaz de axustarse a eses requisitos ou a esas necesidades”, explica o investigador.

“É algo que nos dá moita visibilidade e que nos facilita demostrar a solidez do noso traballo”

Especializados en tecnoloxías intelixentes en rede, aplicacións avanzadas, análise de datos e intelixencia artificial, o Grupo GTI da Universidade de Vigo ten unha forte orientación á transferencia tecnolóxica, polo que para eles a súa presencia neste tipo de eventos resulta fundamental. “Para nós estar aquí é unha oportunidade única, pois aquí reúnense todas as empresas punteiras que traballan en sistemas de telecomunicación”, salienta Gil, quen recalca que o MWC dálles a oportunidade de reunirse man a man con estas firmas e expor ante elas tecnoloxías e resultados que están ao nivel dos seus. “É algo que nos dá moita visibilidade e que nos facilita tamén demostrar a solidez do noso traballo”, recalca o investigador.

Do laboratorio ao mercado: o exemplo de Ancora

Durante a celebración do Mobile World Congress celébrase tamén a 4YFN (4 Years From Now), unha plataforma de negocio de startups, considerado un dos eventos máis relevantes do mundo para este tipo de empresas de base tecnolóxica e na que este ano tamén participa Ancora, unha nova spin-off da Universidade de Vigo que comercializa licenzas de uso de tecnoloxía en función da súa posible utilización (industria, loxística, oficinas comerciais…) cun modelo de pago recorrente.

Promovida por diferentes investigadores do grupo GTI Ancora sae ao mercado tras ser un dos proxectos seleccionados na 1ª convocatoria de Ignicia, programa posto en marcha en 2017 pola Axencia Galega de Innovación, Gain, como unha aposta por trasladar os resultados da investigación a unha etapa de explotación comercial. Este proxecto, denominado nese intre UbiSmart, recibiu un financiamento de preto de medio millón de euros e apostaba pola comercialización dunha tecnoloxía “que permite interactuar, a través de pantallas e equipos periféricos de sobremesa, con aplicacións de teléfonos móbiles persoais”, explicaba Gil, que fai fincapé en que se trata “de crear desde Galicia tecnoloxía que teña aplicación global, o que redundará na creación dun ecosistema que reteña e atraia talento, abra novas posibilidades e xere valor”.