O lobo mariño rescatado en Valdoviño embarca mañá desde Vigo para ser liberado en alta mar tras complementar a súa recuperación

‘Rube’ foi localizado a mediados de novembro na ría de Cedeira con síntomas de desnutrición e varias feridas tras quedar atrapado nas redes dun barco
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Eventos,Galicia,Mar,Vigo

O lobo mariño rescatado en Valdoviño embarca mañá desde Vigo para ser liberado en alta mar tras complementar a súa recuperación

Rube, o cachorro de lobo mariño rescatado en Valdoviño o pasado mes de novembro moi desnutrido e con varias feridas, será liberado nas próximas horas en augas do Gran Sol. Tras completar a súa recuperación en terra, mañá está previsto que o animal embarque desde o porto do Berbés (Vigo) no arrastreiro Patricia Marta, no que será trasladado ao norte, ata atopar un lugar axeitado onde proceder á súa solta en augas internacionais. A partida será ás 11 da mañá polo que os medios que queiran estar no momento do embarque deberán presentarse media hora antes.

Rube, un cachorro macho con poucas semanas de vida e só 11 kg de peso, foi o primeiro lobo mariño localizado na costa galega durante a tempada 2020-2021. O 15 de novembro fotografárono por primeira vez na praia de Vilarrube, na Ría de Cedeira, e dous días despois quedou atrapado nun palangrillo do barco Meixón, cuxo patrón foi quen deu o aviso polo que se activou a Rede de Varamentos de Galicia, o plan de actuación avalado pola Xunta para xestionar os episodios deste tipo que ocorren todos os anos fronte ás costas galegas.

O exemplar, un dos máis pequenos tratados ata o momento na comunidade, foi trasladado de inmediato á UCI do centro que ten a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) en Nigrán, onde constataron que presentaba varias feridas no corpo, algunha delas de gravidade, unha pequena afección respiratoria e signos evidentes de desnutrición.

Persoal da Cemma ocupouse desde o primeiro momento da atención e coidado do animal en virtude do convenio de colaboración que mantén desde 2003 coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de Varamentos, xa que os animais aos que tratan son especies protexidas e require das pertinentes autorizacións.

Deste xeito, a rehabilitación de Rube en Nigrán centrouse en que recuperara as constantes vitais, estabilizando o seu estado e ofrecéndolle o tratamento clínico e a alimentación pautadas polo equipo veterinario de Cemma. Cando os exemplares acadan entre 18 e 20 kg de peso e están solucionados os problemas que os levaron ao varamento, considérase superada esta primeira fase, polo que se autoriza o seu traslado a unha piscina exterior.

A segunda fase de rehabilitación céntrase en preparar ao animal para o seu retorno ao medio mariño e lévase a cabo nas instalacións que ten na Illa de Arousa o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar.

Alí, os lobos mariños instálanse nunha piscina de auga corrente salgada ao aire libre, con apenas unha illa para poder descansar en seco. O obxectivo da súa estadía nestas instalacións é que os animais acaden musculación, axilidade, capacidade de mergullo e de caza, aclimatación á temperatura ambiental e mariña, así como que gañen máis peso.

Rube foi trasladado ao Igafa o pasado 29 de decembro, onde completou satisfactoriamente o seu proceso de recuperación. Nestes momentos, pesa xa 25 kg e o seu estado de saúde é axeitado para a volta ao seu medio natural, polo que o equipo veterinario da Cemma decidiu darlle a alta e proceder a organizar o embarque para a súa liberación no medio mariño.

Neste proceso, a Rede de Varamentos de Galicia volverá contar como noutras ocasións coa colaboración do arrastreiro Patricia Marta, con base no porto de Vigo, que a partir de mañá acompañará a Rube ata augas norteñas do Gran Sol, onde, 36 horas despois da súa partida, procederá a soltalo.

‘Pabbar’, listo para o seu traslado ao Igafa

No que respecta á situación do outro lobo mariño localizado nas costas galegas en novembro, recupérase favorablemente das súas feridas polo que a previsión da Cemma é que sexa trasladado nas próximas horas (probablemente mañá xoves) á piscina externa do Igafa, iniciando así a segunda fase da súa recuperación.

Bautizado como Pabbar, trátase dun macho de menos de dous meses de idade, que foi atopado o 28 de novembro na praia de Barizo, Malpica. No momento do seu traslado á UCI de Nigrán, o animal pesaba 19 kg, tiña limitada a mobilidade do terzo posterior do corpo por luxación articular, estaba moi deshidratado e presentaba unha pequena obstrución dixestiva.

Comentar noticia

Your email address will not be published.