Dende mañá 24 de marzo e até o luns 9 de abril celébrase en Tui a Festa do Meixón. Con este evento gastronómico, presentado esta mañá, búscase “recuperar e consolidar unha tradición gastronómica que nos facía singulares e nos facía importantes” en palabras do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín.
Durante 17 días cinco restaurantes, Asador Paulo, O Novo Cabalo Furado, Cruceiro do Monte, El Molino e La de Manu, ofrecerán a ración de meixón, acompañada de pan e viño Remesal, ao prezo de 55€. Será preciso reserva previa.
Na presentación realizada esta mañá no Teatro Municipal de Tui dúas veteranas cociñeiras Pilar Blanco de El Molino, e Nieves Silva do Cruceiro do Monte foron as encargadas de preparar o meixón que servirán para a festa as empresas Delicias del Miño e Ángulas Río Miño, amosando a súa mestría na elaboración dun produto que cualificaron de gran calidade. Tamén estiveron presentes Laura Méndez de El Molino, María Domínguez de O Novo Cabalo Furado, Paulo Salvado de Asador Paulo e Manu Garrido de La de Manu, xunto a concelleiros tudenses, e o vereador de Cultura de Valença, José Monte.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, explicou na presentación que o concello quere darlle un protagonismo especial a este evento gastronómico, de aí a presentación realizada esta mañá, sinalando que “as festas gastronómicas singulares son un elemento dinamizador do turismo e da cultura fundamentais”, engadindo que “Tui ten a gran sorte de estar vinculada coa tradición do meixón, un produto singular e excepcional, e hai que buscar a fórmula para que isto se poida consolidar”. Engadía que facer a festa nos restaurantes “da un percorrido moi importante de atracción da xente a Tui, enlazando coa Semana Santa, o que é tamén un activo moi importante, e logo continuando xa durante as festas de San Telmo”. Concluía afirmado que “imos facer máximo esforzo para que a Festa do Meixón sexa un éxito e o ano que vén poder continuar e consolidar este proxecto que é revitalizar a festa do meixón”.
FESTA DO MEIXÓN 2018
- Datas: do sábado 24 de marzo ao luns 9 de abril
- Establecementos:
- Asador Paulo – Estrada Tui-Gondomar – 986 60 42 14
- Cruceiro do Monte – Cruceiro, Randufe – 986 60 75 75
- El Molino – Augusto González Besada- 986 60 30 12
- La de Manu – Paseo da Corredoira – 674 54 94 94
- O Novo Cabalo Furado – Praza do Concello – 986 60 12 15
- Prezo: 55€ a ración formada por unha cazola de meixón, pan e unha copa de viño Remesal
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.