O Monumento Natural da Praia das Catedrais, no Concello de Ribadeo, poderá visitarse a partir do vindeiro 1 de xullo previa solicitude de autorización ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que a mediados de xuño reactivou a web de reservas a través da que se tramitan os permisos para poder baixar ao areal durante a tempada de verán.
Cómpre lembrar que unha das consecuencias derivadas da crise sanitaria do coronavirus foi o peche temporal desta aplicación e por tanto, da posibilidade de solicitar os correspondentes permisos para poder acceder a este espazo natural durante a Semana Santa, un dos períodos do ano durante os que o acceso á praia está limitado co fin de preservar este espazo natural.
Ademais de volver a activar a plataforma de autorización de acceso, nas últimas semanas a Xunta tamén deseñou un protocolo de medidas de prevención fronte a covid-19 no acceso ao monumento natural, entre elas, que a baixada e subida ao areal realizarase mediante quendas, reguladas polos traballadores. A lectura dos códigos QR efectuarase respectando en todo momento a separación entre o traballador e o visitante.
Recoméndase aos visitantes circular pola dereita no seu tránsito por camiños e pasarelas e recórdase que tamén será obrigatorio o usos de máscaras, sempre e cando non se poida manter unha distancia de seguridade interpersoal de metro e medio (1,5 metros) coas excepcións establecidas na normativa vixente.
Ademais da activación da central de reservas e do establecemento de medidas de prevención, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén accionou o operativo especial que se encargará de controlar o acceso á praia das Catedrais durante as semanas dos meses e verán, que- xunto coa Semana Santa- é un dos períodos do ano nos que as visitas ao areal do monumento natural están restrinxidas a un límite máximo diario de persoas e sempre mediante a solicitude dunha autorización previa.
O dispositivo despregado pola Xunta estará formado por catro auxiliares de servizo-informadores, que se encargarán de solicitar e comprobar as autorizacións dos visitantes nos accesos ao areal, catro auxiliares de servizo-peóns, que permanecerán na zona do aparcamento supervisando o acceso dos vehículos, e catro monitores ambientais que impartirán as visitas guiadas polo monumento.
Este verán tamén estará a disposición dos visitantes un servizo gratuíto de visitas polo areal. Estes percorridos serán dirixidos por dúas persoas tituladas que informarán aos participantes sobre os principais valores ambientais do monumento natural. As visitas organízanse en dous grupos de 25 persoas cada un e desenvolveranse cada media hora coincidindo coa baixamar diúrna, polo que o número de pases diarios variará dependendo das propias mareas. En todo caso, os guías e participantes deberán adoptar todas as medidas hixiénico-sanitarias recomendadas polas autoridades para gardar o distanciamento e seguridade social, á fin de evitar contaxios.
Tamén un axente medioambiental estará presente na zona coincidindo coa baixamar, co fin de advertir dos riscos existentes aos visitantes e en caso de detectar algún comportamento ou conduta imprudente, informaralles das posibles sancións ás que se enfrontan.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, informou esta semana ao Concello de Ribadeo tanto da apertura das visitas á zona do areal a partir do 1 de xullo, como das medidas adoptadas pola Xunta para garantir que estas se realicen en condicións de seguridade, ao tempo que se comprometeu co alcalde a mantelo informado da marcha do operativo e en caso necesario, solicitar a súa colaboración.
Plan de conservación e regulación do acceso
No plan de conservación do monumento natural As Catedrais, que entrou en vigor en xuño do ano 2015, detectouse que a principal ameaza para esta zona de gran valor ecolóxico pero tamén turístico era a entrada masiva de visitantes -especialmente en tempada alta e coincidindo cos días festivos-, unha afluencia que se foi incrementando nos últimos anos debido á súa crecente popularidade.
Por esta razón, a Xunta acordou establecer unha regulación do uso público deste espazo en certas épocas do ano, fixando en 4.812 persoas o límite diario de visitantes na zona do areal coincidindo cos períodos de máxima afluencia: os meses de xullo, agosto e setembro, a Semana Santa e algunha ponte sinalada, como a do 17 de maio. Nestas datas especiais, o resto do monumento natural pode visitarse libremente aínda que respectando sempre as áreas habilitadas para uso e desfrute público: o sendeiro sinalizado como “senda de uso recomendado”, o miradoiro, e a área de descanso.
Desde entón, as vías dispoñibles para obter autorización para baixar ao areal nos períodos de acceso restrinxido son a web ascatedrais, desde a que se pode solicitar o permiso cunha antelación de 45 días naturais; o ticket do taxi onde debe constar o número de licenza, o traxecto desde Ribadeo ata a praia das Catedrais, o importe e o número de persoas transportadas na viaxe; ou os pases dispoñibles nos establecementos hoteleiros do Concello de Ribadeo onde o visitante estea aloxado.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.