Baixo o título “Descubrindo a Concepción Arenal. A muller do porvir”, o Museo de Pontevedra continúa coa programación que a Deputación organizou sobre a autora con motivo do bicentenario do seu nacemento. Nesta ocasión, o público coñecerá a figura de Concepción Arenal a través das obras plásticas que están expostas nas salas do Museo e dos manuscritos e bibliográficos orixinais das súas obras que ten baixo custodia.
Os días 3 e 4 de marzo, ás 18 horas, e como evento previo á celebración do Día da Muller, realizaranse visitas comentadas ás obras plásticas que representan a pensadora nas salas do Museo e aos seus manuscritos orixinais e fondos bibliográficos. Estas iniciarán cunha visita á primeira planta do Sexto Edificio, onde se atopan as obras escollidas para falar da vida e a obra de Concepción Arenal.
Comezarase o percorrido na sala onde está exposto o retrato de Concepción Arenal, feito polo pintor Eduardo Zamacois y Zabala no ano 1869, e na que se instalarán vitrinas cos orixinais tanto bibliográficos coma manuscritos da súa obra La educación en la mujer. Alí comentarase parte da súa biografía para logo falar do que ela pensaba sobre a educación das mulleres no seu tempo, facendo unha reflexión sobre a persoa e a súa obra e o influxo que tivo o seu pensamento e traballo na súa época, así como a súa repercusión futura.
Xa o día 5 de marzo, ás 19 horas, proxectarase no salón de actos do Museo a peza Concepción Arenal. A visitadora de cárceres, realizada por RTVE, que xa foi protagonista na conferencia da profesora e autora catalana experta en biografías Anna Caballé o pasado mes de xaneiro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.